martes, 8 de marzo de 2016

A Mesa califica de “ataque inadmisíbel contra a oficialidade do galego” a sentenza do TSXG sobre a ordenanza de Lugo

Marcos Maceira: “O TSXG pretende ilegalizar todos os acordos sobre o galego”. “Agredir mediante sentenza o noso maior sinal de identidade é agredir o conxunto de Galiza”

A Mesa pola Normalización Lingüística manifestou a súa repulsa á sentenza ideolóxica do TSXG feita publica hoxe contra a ordenanza de normalización lingüística de Lugo que, lembraron, foi aprobada por unanimidade polo pleno da corporación.
O TSXG pretende ilegalizar unha posición social maioritaria no conxunto do pobo galego, a de que a lingua propia de Galiza é o galego, que é o noso principal elemento de identidade colectiva, e que se atopa nunha absoluta situación de desprotección, aínda cunha lexislación que non mellor dos casos non se aplica e se vulnera constatemente.
“Con esta sentenza o TSXG refegarenega de ser de Xustiza e de ser de Galiza”. Que xustiza hai nunha sentenza que pretende manter a exclusión histórica do galego, perpetuar a súa invisibilización e mantela e inaudíbel na administración local? Pode ser de Galiza un tribunal que despreza así o maior sinal de identidade de Galiza? Preguntouse o Presidente da Mesa.
“A maioría das galegas e galegos, falantes ou non de galego, queren a súa lingua e queren que a administración actúe para repola e rehabilitala, como pretendía facer minimamente o Concello de Lugo a través da ordenanza”, e lembrou que “foi aprobada por unanimidade en correspondencia coa posición manifestada por todas as forzas políticas ao aprobaren o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, ratificado en xullo na Declaración de Unidade promovida pola Mesa”.
A Mesa lamentou que os tribunais que debían impartir xustiza, actúen como a inquisición contra acordos amplos tomados en común por representantes públicos e organizacións sociais
O TSXG vén sentenzar que hai liberdade para a administración municipal utilizar o galego sempre que se manteña como lingua secundaria e que non se pretenda un mínimo estatus de igualdade. “Esa é a visión que teñen de Galiza e do galego”, indicou Maceira.
A Mesa anunciará accións contra esta sentenza nos próximos días e animou á sociedade galega a mobilizarse e manifestar o seu rexeitamento a unha aldraxe contra a dignidade do conxunto do pobo galego.
Da entidade en defensa da lingua animaron á corporación de Lugo a manter a firmeza na causa do galego, que é de Galiza enteira, e manifestaron os seus parabéns ao concello pola decisión de defender a postura acordada unanimemente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario