martes, 8 de marzo de 2016

Piden dende a Universidade de Vigo cambiar a reforma laboral do PP

Catedráticos e sindicalistas coinciden na necesidade de mudar de política laboral para un novo ciclo político. Así o manifestaron nunha xornada de análise de iniciativas de reforma do actual marco de traballo.

A secretaria comarcal de Comisións Obreiras de Vigo, Amelia Pérez, culpa ás ultimas reformas laborais do Goberno do PP de “agudizar os problemas do mercado de traballo, facendo estrutural a precariedade”. A sindicalista fixo estas manifestacións nun encontro organizado pola Universidade de Vigo no marco do encontro "O dereito do traballo ante o cambio de ciclo. Propostas para un debate", organizado pola propia universidade e o sindicato CCOO.
Pérez destacou neste encontro a oportunidade que o actual cambio de ciclo político supón para “darlle a volta ao dereito laboral e facer novas propostas de modificación e adaptación ás novas realidades do mercado laboral”. Ademais, asegurou que son os sindicatos “os que mellor podemos falar dos efectos das reformas”, ao tempo que manifestou a súa intención de corrixir as desigualdades que existen no país.
Neste encontro tamén participou o catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo Jaime Cabeza, quen participou nun traballo desenvolvido por un grupo de docentes universitarios e especialistas de todo o Estado, que baixo a dirección do catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidad de Castilla-La Mancha Antonio Baylos e coa cobertura da Fundación 1º de Mayo de CCOO, formularon unha proposta articulada de reforma na que se abordan entre outras cuestións, a degradación do modelo democrático de relacións laborais en España, a necesidade de reverter o proceso de degradación tralas sucesivas reformas laborais e a reformulación do proxecto sindical nun novo modelo democrático.
Cabeza destacou a importancia da colaboración entre as institucións académicas e as organizacións sindicais e lembrou a súa participación na iniciativa da Fundación 1º de mayo para articular unha proposta de novo Estatuto dos Traballadores, na que Vigo foi o “primeiro ensaio” no proceso de difusión pública deste traballo.

A profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e actual decana da Facultade de Dereito do campus de Ourense, Marta Fernández Prieto, e a profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidad de Valencia Belén Cardona, foron as primeiras en intervir nunha mesa redonda centrada en emprego e colocación e reforma laboral e colectivos vulnerables. Pola súa banda, o catedrático da Universidade de Valencia e maxistrado da Sala do Social do Tribunal Supremo, Ángel Blasco Pellicer e o catedrático da Universidad de Castilla-La Mancha Antonio Baylos, abordaron nas súas intervencións a extinción do contrato de traballo e os dereitos colectivos dos traballadores, respectivamente. A xornada pechouse coa intervención do economista Manuel Lago Peñas.
A necesidade de recuperar a negociación colectiva
De “eixo decisivo na construción do sistema de relacións laborais en España” cualificou Antonio Baylos a negociación colectiva, que a reforma laboral do ano 2012 “buscou romper, logrando a desvalorización salarial e impedindo o goberno da negociación colectiva por parte dos axentes sociais, concretamente os sindicatos”. O catedrático e director do grupo de traballo que articulou unha proposta de reforma ao abeiro da Fundación 1º de mayo, defende un cambio de situación, de xeito que a construción xurídica e política do sistema de relacións laborais se adecúe a un marco democrático, a través da xestión sindical e empresarial do conflito.
Aínda que recoñeceu a incerteza do momento político, Baylos lembrou que de xeito maioritario se está a falar de “cambiar, derogar ou modificar” o Estatuto dos Traballadores. “Todos estamos de acordo en que hai que recuperar para a negociación colectiva a regulación das relacións laborais e temos propostas sinxelas, como que o suxeito sindical co empresario sexa o que articule a negociación colectiva ou volver a unha serie de acordos que eviten que nas pequenas e medianas empresas non se aplique o convenio, algo que destrúe o elemento colectivo”, explicou o catedrático, que puxo en valor o consenso que a necesidade de introducir cambios no actual marco laboral acadou entre amplos sectores da sociedade, máis aló dos ámbitos académico e sindical.
Aínda que o catedrático recoñeceu que o laboral é un dos grandes problemas centrais, “de feito impediu que se acadase un pacto entre PSOE e Podemos”, amósase optimista sobre a posibilidade de modificar unha reforma como a de 2012, que cualifica de “nefasta” e que ademais de "estar mal feita tecnicamente", xerou unha "rotura moi importante no tecido social que cómpre remediar", recolle María del Carmen Echevarría no diario da universidade viguesa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario