A redución, aprobada nunha sesión extraordinaria do Consello de Goberno da USC, non supón recorte algún dos actuais cadros de persoal, docente e de administración e servizos.
O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) aprobou este martes, en sesión extraordinaria, a reorganización da súa estrutura departamental na busca dunha maior optimización dos recursos para incrementar a eficacia na xestión administrativa. Deste xeito, dos 76 departamentos cos que contaba a USC pásase a 50, o que significa unha redución do 35% e do capítulo de gastos dos orzamentos da USC en aproximadamente 200.000 euros. Esta reestruturación non supón redución do actual cadro de persoal, nin docente nin de administración e servizos.A decisión do Consello de Goberno pon fin a un proceso de traballo iniciado a finais do pasado ano que dá continuidade a un acordo previo do Claustro que xa acordara no mes de xuño elevar a 20 o número mínimo de docentes necesarios para configurar un departamento. Aquel acordo, non obstante, consideraba a posibilidade de excepcionalidades que atenderían á agrupación coherente de áreas ou outras circunstancias académicas que poidan concorrer.
O reitor valorou positivamente a decisión do Consello de Goberno por ser un paso máis na consecución dunha administración universitaria “máis áxil e eficaz á vez que se optimizan ao máximo os recursos dos que dispoñemos”, informa a USC.
Departamentos
Os departamentos que se suprimen son os de Álxebra; Xeometría e Topoloxía; Análise Matemática; Estatística e Investigación Operativa; Anatomía e Produción Animal; Ciencias Clínicas Veterinarias; Ciencia Política e da Administración; Socioloxía; Psicoloxía Organizacional, Xurídico-Forense e Metodoloxía das Ciencias do Comportamento; Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal; Didáctica das Ciencias Experimentais; Didáctica da Lingua e a Literatura e das Ciencias Sociais; Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica; Farmacoloxía; Fisioloxía Vexetal; Bioloxía Celular e Ecoloxía; Filoloxía Francesa e Italiana; Latín e Grego; Lóxica e Filosofía Moral; Filosofía e Antropoloxía Social; Xenética; Zooloxía e Antropoloxía Física; Anatomía Patolóxica e Ciencias Forenses; Obstetricia e Xinecoloxía; Pediatría; Cirurxía; Dermatoloxía e Otorrinolaringoloxía; Estomatoloxía; Didáctica e Organización Escolar; Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación; Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social; Historia Contemporánea e de América; Historia I; Historia Medieval e Moderna; Dereito Mercantil e do Traballo; Lingua Española; Historia e Institucións Económicas; Física da Materia Condensada; Enfermaría; e Medicina.
Os que se crean son os de Matemáticas; Análise Matemática, Estatística e Optimización; Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias; Ciencia Política e Socioloxía; Didácticas Aplicadas; Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica; Bioloxía Funcional; Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana; Filosofía e Antropoloxía; Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física; Ciencias Forenses, Anatomía Patolóxica, Xinecoloxía e Obstetricia e Pediatría; Especialidades Médico-Cirúrxicas; Pedagoxía e Didáctica; e Historia.
Acreditados a cátedra
A xuntanza do Consello de Goberno interrompeuse pola intervención dunha representación de profesorado acreditado a cátedra, en nome de quen interviu Carlos Pereira Menaut para esixir da Reitoría a convocatoria dun mínimo de 50 prazas “mantendo o número en sucesivos anos ata que se normalice a situación” dos máis de 150 docentes que na USC teñen acadado a necesaria acreditación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario