A falta dun Día das Letras Galegas para o ferrolán Ricardo Carvalho
Calero é unha das ausencias máis clamorosas no eido das conmemoracións e
homenaxes ás grandes figuras da cultura do país. A súa defensa dunha
ortografía que se aproximara ó portugués expulsouno da oficialidade e,
malia o innegable valor das súas achegas na investigación lingüística e
literaria e da súa obra creativa, diversos sectores continúan a loitar
para sacalo do esquecemento. Desde Ferrol impulsáronse en varias
ocasións iniciativas que buscaban influír nos membros da Real Academia
Galega para que apoiasen que se lle dedicase o Día das Letras a
Carvalho. Aínda non tiveron éxito, pero as propostas continúan. A última
vén da man dunha comisión que, desde o movemento cidadán, quere
aglutinar esforzos para conseguir esta conmemoración no ano 2015. Os
profesores Manuel Pazo, Xosé María Dobarro e Bernardo Máiz (que foron
alumnos do ferrolán) presentárona onte publicamente nun acto en
Sargadelos, primeira chamada de atención para constituír unha plataforma
plural nas vindeiras semanas. De feito, haberá unha reunión aberta a
asociacións veciñais, culturais, colexios e outras institucións para
definir o camiño a levar adiante a partir de agora.
“Carvalho Calero morreu hai 24 anos. Nós somos unha comisión promotora
para tratar e conseguir que acade o honor para os que ten merecementos
abondo”, explicou Bernardo Máiz. “El entendeu que a ortografía debía
achegarse á portuguesa e xa en vida condenárono ao ostracismo, pero foi o
pai lingüístico da Galicia contemporánea”, engadiu. Lembrou que a
primeira homenaxe que se lle fixo foi en Ferrol, por parte da asociación
Medulio, en 1981, e que en 2010 o Concello realizou un pequeno congreso
e editou dous libros.
“Non representamos a ningúen”, apuntou o profesor Xosé María Dobarro, a
quen Carvalho Calero lle dirixiu a tese de doutoramento. “Simplemente
tivemos relación co profesor, somos afervoados admiradores de toda a súa
obra como creador literario e como investigador”. De feito, subliñou
que, malia que esta última faceta é a máis divulgada de Carvalho, ten
unha obra creativa de gran valor no campo poético (onde se iniciou de
moi novo, antes de ir estudar a Santiago), teatral (con obras tan
representadas como “A farsa das zocas”) e en narrativa. De Carvalho foi a
primeira novela en galego que se publicou despois da Guerra Civil (“A
xente na barreira”, en 1951) e Dobarro sitúa “Scorpio”, de 1987, como
“unha das mellores da literatura galega das últimas décadas do século
XX”.
“Esperemos que este paso teña acollida na cidadanía ferrolá e en
sectores da cultura de toda Galicia e que se lle recoñeza o que xa se
lle tiña que ter recoñecido hai quince anos ou máis”, engadiu Dobarro.
Manuel Pazo afirmou que hai que superar as reticencias fronte a Carvalho
por cuestións ortográficas porque “tantos anos despois da súa morte e
do fin da ditadura, tentan impedir que poidamos formarnos as nosas
propias opinións”. Aínda que esta petición xa foi aprobada no pleno
ferrolán en dúas ocasións, “non temos por que renunciar a pedirllo á RAG
outras catro, cinco ou vinte veces”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario