O IES Illa de Arousa comeza o ano 2014 de xeito anómalo: cunha nova dirección nomeada á forza, logo da destitución do director a finais de decembro. O curso comezara xa de xeito accidentado, co retraso de un día pola falta de confirmación sobre a adxudicación ou non de un docente ao centro, o que derivou na sanción ao director. Os apoios recibidos por parte de toda a comunidade educativa, moi especialmente das familias, falan dun traballo no centro, e desde o equipo directivo, coñecido e valorado, así como do rexeitamento a uns recortes que se teñen asañado co instituto.
Desde a dirección saínte non se quere aparecer como “centro exemplar”, pero as dificultades, e mesmo a imposibilidade, para manter as actividades desenvolvidas ata agora si son exemplo do que as cifras dos recortes moitas veces non son quen de amosar.
Cultura vén de cultivar
Nos recreos o alumnado no só xoga, tamén sacha, limpa as malas herbas, sementa ou colleitaNos recreos do IES Illa de Arousa o alumnado non só xoga, charla, pasea ou come un bocata. Tamén sacha, limpa as malas herbas, sementa ou colleita segundo corresponda á época do ano. Uns cen alumnos e alumnas, practicamente a metade do centro, colaboran por quendas no mantemento dunha horta ecolóxica e un invernadoiro que, no seu comezo hai xa 5 cursos, foi acollida con escepticismo por parte dalgunha nai do consello escolar. Hoxe forma parte das prioridades que o claustro de profesorado, enfrontado a duros recortes de persoal desde hai varios anos, decidiu manter co traballo voluntario dalgúns docentes e como actividade extraescolar para o alumnado. É que nesta horta non só se cultiva a terra; tamén se cultivan as boas relacións, o que se ten reflectido na convivencia no centro.
Clubs de lectura
Desde a biblioteca do centro mantivéronse o curso pasado ata tres clubes de lectura, por niveis. Un para 1º e 2º da ESO, outro para 3º e 4º, e outro de adultos para nais, pais ou familiares de alumnado do centro. “Hai dous anos funcionabamos con un único club para todo o alumnado, pero non acababa de callar pola diferenza de idade”, explica a responsable da biblioteca e profesora de Lingua e Literatura Galega, Fe Souto. “Todos os venres no recreo xuntabámonos dúas profesoras con cada club do primeiro e do segundo ciclo… A unha lectura dedicabámoslle unhas 5 sesións, con adiviñas, xogos de dinamización…”.O recorte do profesorado experimentado este curso limitou a atención á biblioteca a servizos mínimos: préstamo de libros nos recreos, e nin sequera en todos. O club de lectura coas familias mantense porque xa se viña realizando de xeito voluntario fóra do horario escolar. Con todo, desde a biblioteca resístense a deixar esmorecer un dos seus proxectos máis entusiastas, polo que este curso acolleron xa “a demanda de moitos rapaces que pedían comentar a película En llamas, adaptación cinematográfica da triloxía de fantasía xuvenil Los juegos del hambre, que leran co club. Falamos das nosas escenas preferidas, do paralelo coa mitoloxía clásica (minotauro, panem et circenses…), da simboloxía do sinsajo… e de moitas cousas máis. Coma sempre, comendo algo de chocolate”.
Pulando pola interdisciplinariedade
O curso pasado traballáronse os dereitos humanos como proxecto interdisciplinar, ao longo de todo o curso e para todos os niveis. Actividades como a realización de maquetas sobre instrumentos de tortura, a análise da relación entre a arte e os dereitos humanos, as condicións infrahumanas nas que se realiza a extracción de minerais en moitas partes do planeta, os dereitos lingüísticos dos pobos, a dramatización da obra Os Papalagui coa súa visión crítica da civilización occidental desde a perspectiva dun suposto xefe samoano, bailes cooperativos… Unha chea de propostas deixaron cumprida evidencia de que traballar de xeito interdisciplinar non só multiplica a aprendizaxe senón que se converte nun verdadeiro eixe dinamizador dun centro.A execución dos recortes e a destitución da dirección deixou o proxecto agardando tempos melloresDesde a comisión de coordinación pedagóxica propúñanse para este curso afondar nesta liña con novas propostas metodolóxicas interdisciplinares. Pretendíase introducir a aprendizaxe cooperativa de maneira transversal a varias materias. Porén, a execución dos recortes anunciados, xunto coa destitución do equipo directivo, deixou este proxecto metido na gabeta, agardando tempos mellores para a educación.
A destitución da dirección, un castigo exemplarizante
Na Illa de Arousa ninguén dubida que a destitución do director do seu IES pretende mandar unha mensaxe a todas as direccións: “Na inspección sábese que hai máis centros que non comezaron as aulas o primeiro día por diversas razóns, pero como estas non lle foron comunicadas ás familias… a publicidade foi o que lles importou”. Así de claro o teñen representantes da ANPA, logo de reunírense con César A. Pérez Ares, xefe territorial de Educación en Pontevedra. “Se eu deixo que pase isto, a próxima vez, levántanse todos os centros de Pontevedra”, aseguran que comentou diante das nais e pais. A sinceridade parece ser unhas das virtudes do delegado de Educación. Interpelado na mesma xuntanza por unha nai sobre o que faría el con un fillo que non puidese titular por falta de apoios educativos debido aos recortes, todas as testemuñas da ANPA afirman que respondeu: “que saque o carné”.Entre mentres, desde a dirección saínte seguen a alertar das consecuencias da desaparición de desdobres e agrupamentos flexibles: “cos recortes estámonos xogando a titulación de ata 11 alumnos dunha promoción de 50. Once persoas que para nós son algo máis que porcentaxes anónimas. Son rapazas e rapaces que nunha clase de 30 se perden”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario