A Consellaría mantén un ano máis unha redución de medio millón de euros para proxectos de fomento do uso do galego.
A Consellaría publicou hoxe a Orde do 2 de
xaneiro de 2014 pola que se anuncia a convocatoria para a presentación
de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de titularidade
pública para o curso escolar 2013/14. Nesta convocatoria podemos
comprobar que a Consellaría recunca no recorte das axudas para a
promoción da lingua galega, mantendo para a lingua recortes económicos
que non aplica noutras partidas orzamentarias.
Por outro lado, en contra das demandas do profesorado, da
CIG-Ensino e do propio sentido común e as directrices dunha boa xestión a
Consellaría de Educación volve publicar a convocatoria desta orde cando
xa está iniciado o segundo trimestre, impedindo a realización de
actividades de normalización no primeiro trimestre do curso.
Por outro lado, mesmo en contra do título da convocatoria, malamente se
poderán pór en práctica neste curso 2012-2013, pois con moita sorte non
se coñecerá o resultado dos proxectos premiados nin a contía coa que
contarán os equipos antes do inicio do terceiro trimestre.
A
data en que se realiza a convocatoria, así como a data de resolución,
que o ano pasado se produciu en xuño, 20 días antes de que os centros
tivesen que presentar as xustificacións das actividades realizadas,
inviabiliza o traballo dos equipos, e pode provocar déficits económicos
importantes nos centros, pois se ven na obriga de realizar as
actividades de normalización confiando nunhas axudas que non teñen
confirmadas e que poden fallarlles no último momento, ás veces por causa
da propia Administración que non se preocupa de comprobar se os centros
recibiron en tempo e forma os requirimentos realizados.
Na
orde publicada hoxe a Consellaría mantén unha redución de medio millón
de euros nesta partida, pois fronte aos 800.000 € que se lle asignaron
aos centros nos cursos 2009-2010 e 2010-2011, a Consellaría volve
reducir a partida orzamentaria para este curso a 300.000 €, unha
redución do 62,5% (unha redución que para os centros privados foi
inferior, do 55,4%). Isto fai tamén que se reduza nunha media dun 55%
respecto do curso 2010-2011 a contía que pode percibir cada centro.
A CIG-Ensino reclama:
A CIG-Ensino reclama:
- Que estas axudas se convoquen no mesmo mes en que se inicia o curso escolar.
- Que o período de xustificación das axudas e, por tanto, de realización de actividades abranga a totalidade do curso escolar, desde o primeiro día de setembro.
- Que se incrementen as axudas para a promoción da lingua galega como mínimo até acadar as contías do curso 2010-2011 (800.000€)
- Que a resolución das axudas se realice no primeiro trimestre do curso.
- Que as notificacións relativas á convocatoria, puntuacións e resolucións se notifiquen de maneira efectiva aos equipos directivos dos centros e aos Equipos de normalización, tendo constancia de que foron recibidas e evitando así o sucedido no pasado curso en que varios centros quedaron excluídos das axudas porque o procedemento de notificación non foi suficientemente garantista.
- Que participe un maior número de profesorado nas comisións de cualificación e que sexa nomeado por sorteo entre o profesorado que participa nos equipos, pois nesta convocatoria unha vez máis a Secretaría Xeral se reserva o dereito de nomear a totalidade das persoas que van participar no proceso de cualificación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario