O Consello escolar debaterá o 30 de xaneiro os novos currículos presentados polo Ministerio de Educación. Os novos programas académicos exaltan o "ideal de beleza colectivo" que representan as "supermodelos", afondan na importancia do flamenco como corrente musical e nos 'valores' emanados da Constitución española.
A Comisión Permanente do Consello escolar a celebrar o vindeiro 30 de xaneiro debaterá os currículos académicos a implantar tras a aprobación da LOMCE. O Ministerio de Educación español modifica así os contidos formativos para os adaptar a unha norma que conta co rexeitamento da comunidade educativa no seu conxunto e tamén coa das familias representadas nas Anpas.Estereotipos patriarcais
Os currículos presentados polo executivo abranguen as materias de Primaria, ensino secundario e Bacharelato. Neste senso, Educación prevé aprobar mudanzas nos contidos académicos e introducir algunhas novidades. Entre elas, Educación propón para Fundamentos da Arte --unha materia correspondente ao currículo escolar do Bacharelato artístico-- o tratamento da "eclosión da moda como fenómeno de masas" e, nomeadamente, como "as supermodelos substitúen ás actrices no ideal de beleza colectivo".
Tamén así, aborda como parte dos movementos artísticos das décadas dos 80 e 90 "o mundo dos complementos" e a figura dos deseñadores "como estrela mediática" sinalando entre os máis relevantes a Alexander Mc Queen, Valentino, Chanel (Lagerfeld), Dior (John Galliano), Armani, Versace, Kalvin Klein, Tomo Ford, Carolina Herrera.
Porén, a cousa non fica aí. No mesmo bloque formativo o currículo afonda no mundo do "baile" da man de Michael Jackson, no "desfile de moda" como "espectáculo multimedia" ou no "islamismo radical" como causante da "destrución de imaxes relixiosas".
A Constitución española
Entre as novidades que introduce a LOMCE, o Ministerio achega o currículo escolar da materia Valores éticos en cuxos contidos o executivo introduce "os fundamentos da Constitución española" de 1978 na que o alumnado ha identificar "os valores éticos dos que parte". Aliás, indica Educación na proposta presentada, @s estudantes deberán adquirir ao longo do curso --entre outros coñecementos-- aprender a "mostrar respecto pola Constitución" a través dunha "leitura explicativa e comentada".
Uns contidos que tamén aparecen recollidos na nova materia de Valores sociais que vén a substituír á Educación para a cidadanía aprobada polo Goberno socialista de José Luís Rodríguez Zapatero.
A CIG-Ensino disponibiliza no seu portal web todos os currículos desglosados por materias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario