Colaborarán na creación dun arquivo documental, gráfico e audiovisual sobre a historia e a memoria das mulleres a través dun proxecto implementado polo concello.
Seis centros de ensino de primaria e secundaria implícanse no resgate da memoria das mulleres en Pontevedra. Farano a través dun proxecto de carácter municipal que puxo en marcha o concello e que procura a creación dun arquivo documental, gráfico e audiovisual sobre a súa historia, a delas.Así, o alumnado dos IES Luís Seoane e Martín Sarmiento e dos CIFP A Xunqueira, Carlos Oroza, San Biento de Lérez e San Martiño de Salcedo realizará traballos de investigación mediante a recollida de fotografías, a gravación de entrevistas e a redacción de biografías. O seu traballo fará parte dunha presentación pública fixada para o mes de xuño, cando se farán públicas tamén as achegas de diversasas asociacións culturais e veciñais que tamén quixeron tomar parte neste labor de compilación da memoria histórica centrada nas mulleres.
Un encontro arredor do libro de Montse Fajardo Matriarcas coa presenza de dúas das protagonistas --Gloria Lijó e Waldina Pereira--; un recital poético-musical en lembranza de Rosalía; a proxección do documental de Uqui Permui Doli, doli, doli sobre as traballadoras da conserva; un roteiro temático sobre O río, o mar e as mulleres; e un simposio sobre represaliadas focado na escola durante a ditadura completan o programa do Concello de Pontevedra para facermos memoria en chave feminista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario