Os eurodeputados solicitan modificar directivas ou elaborar unha nova para "a non discriminación por razón de lingua"Así o explicaron os sete eurodeputados -cataláns e vascos- en rolda de prensa. Sete parlamentarios que representan ao PSC (Maria Badia e Raimon Obiols), CiU (Salvador Sedó e Ramon Tremosa), ICV (Raül Romeva), PNV (Izaskun Bilbao), pero tamén a Aralar, BNG e ERC, a través de Iñaki Irazabalbeitia, representante agora do grupo de Europa dos Pobos e cuxo escano ocupaba ata hai uns meses a eurodeputada do Bloque Ana Miranda e, anteriormente, o actual secretario xeral de Esquerra, Oriol Junqueras.
A súa carta de queixa foille enviada á comisaria de Xustiza e Dereitos Fundamentais e Cidadanía, Viviane Reding, así como á de Educación, Cultura Multilingüismo e Mocidade, Androulla Vassiliou, e foi apoiada tamén polo presidente o do intergrupo sobre Minorías e Linguas, o socialista húngaro Czaba Tabajdi. Nela denuncian que "desafortunadamente, nalgúns estados membros, hai unha politica de discriminación sistemática da lingua que require unha resposta legal a nivel europeo".
Eurodeputados de PSC, CiU, ICV e PNV fixeron unha reivindicación á que se unen BNG e ERC a través de AralarOs eurodeputados consideran "unha disfunción" que "a lexislación da UE prohiba e combata a discriminación por orientación sexual, relixiosa ou étnica, pero non nos casos nos que os cidadáns son discriminados por motivos de lingua". Badia (PSC) destacou ante a prensa que "no Tratado de Lisboa se establece o tratamento igualitario para todos os cidadáns da UE", pero "nin o tratado nin a normativa que o desenvolve cobre a discriminación por razón de idioma".
Romeva (ICV) e Sedó (Unió) tamén destacaron que, aínda que Europa debe dar respostas á discriminación lingüística, "antes hai que pedir protección dentro do Estado", en referencia ás discriminacións que as linguas minoritarias sofren en España. De feito, a Plataforma per la Llengua catalá presentou un informe sobre corenta casos de discriminación lingüística do catalán, principalmente por parte das administracións.
"Europa debe dar respostas á discriminación lingüística pero antes hai que pedir protección dentro do Estado"O propio Romeva recoñeceu a súa "frustración" logo de dez anos de loita polo uso oficial do catalán na Eurocámara e Tremosa (CiU) denunciou que xa remitiu "máis de dez cartas á Comisión" sobre discriminación lingüística, pero que o Executivo comunitario "sempre lavou as mans neste asunto".
Os eurodeputados propoñen modificar a directiva 2000/78/EC de novembro de 2000 sobre igualdade de trato no mercado laboral para engadirlle que tampouco se poderá discriminar un traballador ou un candidato nunha entrevista polo feito de falar unha determinada lingua. Tamén queren incluír a lingua na proposta da directiva europea para "implemetar o principio de igualdade de trato entre persoas, independentemente da súa relixión ou crenza, minusvalía, idade ou orientación sexual". Ademais, piden á Comisión que artelle unha directiva específica sobre a non discriminación lingüística, baseándose no artigo 21 da Carta de Dereitos Fundamentais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario