xoves, 30 de xaneiro de 2014

Plataforma Escola Pública lanza unha campaña contra o cambio de libros

Gasto inxustificado de 200 millóns.

A Plataforma Estatal pola Escola Pública --integrada por asociacións de pais, sindicatos de profesores e estudantes-- puxo en marcha este mércores unha campaña para que non se realice o "cambio inxustificado" e "ideolóxico" dos libros de texto, como así se precisa no desenvolvemento normativo da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).
En rolda de prensa, os representantes desta plataforma realizaron un chamamento ás comunidades educativas de todos os centros para que acorden cos consellos escolares que non se cambien os libros de texto que se están a utilizar na actualidade.
Así, insistiron que os libros de texto actuais son "perfectamente válidos" e deben seguir séndoo durante un mínimo de catro anos dende o curso para o que foron adquiridos "por lei", a pesar de que o Ministerio de Educación anunciase cambios nas materias e con el, nos libros de texto", segundo asegurou o vicepresidente de CEAPA, Jesús Salido.
Para levar a cabo esta campaña explicou que se difundirá un modelo a utilizar en todos os consellos escolares, especialmente nos centros educativos, para que se convoquen reunións extraordinarias destes, así como outros de posible resolución, para que sexan utilizados de forma "urxente e masiva", de cara a que as asociacións de pais e nais poidan resistirse a estas medidas "de forma legal".
Ademais, Miguel Latorre, de FETE-UGT, subliñou que cos novos deseños curriculares non se producen cambios "esencialmente dos contidos" senón de enfoque destes "por motivos ideolóxicos". Por iso reclamou que os libros se sigan utilizando dado que hai moitas familias que non teñen diñeiro para comprar os libros.
Precisamente, esta tarde ten lugar na sede do Ministerio de Educación a conferencia sectorial na que as comunidades autónomas debaten co ministro José Ignacio Wert o contido dos novos currículos.

A LOMCE NON DURARÁ

Francisco García, da Federación de Ensino de CC.OO., advertiu neste contexto de que os cambios curriculares que se propoñen agora non terán unha "gran vixencia", dado o compromiso parlamentario alcanzado pola maioría dos grupos da oposición no Congreso, que acordaron derrogar a normativa en canto cambie a maioría absoluta do PP no Goberno.
A Plataforma sostén tamén que existen "grandes dificultades" das familias para asumir custos pola adquisición de libros de texto e materiais curriculares, ao mesmo tempo que subliñan que os bancos de libros que se crearon "con motivo da crise" deben seguir sendo usados porque supoñen un capital social que debe ser "respectado e defenderse".
Segundo advertiu Francisco García, da Federación de Ensino de CC.OO., o cambio de libros de texto afectará a 1,5 millóns de alumnos españois de primeiro, terceiro e quinto curso de Primaria, así como de FP Básica, e levará consigo un gasto de " máis de 200 millóns de euros".
Neste sentido, Jesús Salido, vicepresidente de CEAPA, criticou que as condicións non son favorables para as familias posto que se reduciron ata nun 40 por cento as bolsas para libros de texto, ademais do cal as comunidades autónomas endureceron os requisitos para poder obtelas. "Cada vez a situación é peor e propóñennos que tiremos ao lixo toneladas de libros que están perfectamente servibles", remachou.
É por iso que dende a plataforma se insiste en que o ministerio trata de forma "irresponsable" e "acelerada" os novos decretos que desenvolven os novos currículos dos libros de texto para adaptalos á súa visión ideolóxica e orientalos á superación de reválidas e outras probas estandarizadas, elementos fundamentais da súa lei educativa.
Ao mesmo tempo que sosteñen que as editoriais se dispoñen a modificar os libros de texto para adaptalos aos novos decretos, unha acción que lles xerará beneficios a custa das familias e causará que se poidan perder os materiais acumulados nos bancos de libros.
Pola súa banda, Salvador Benavent, de STES-Intersindical considera que co desenvolvemento curricular da LOMCE se pon en marcha un "rosario de conflitos innecesarios" para a comunidade educativa porque, por exemplo, xa hai, polo menos, cinco comunidades autónomas que anunciaron que "se van resistir ao desenvolvemento curricular da LOMCE". Ao seu xuízo, o Goberno pretende con este desenvolvemento curricular realizar unha "manipulación ideolóxica".

ALTERNATIVAS AOS LIBROS DE TEXTO

Por outro lado, Soraya Chapinar, do Movemento de Renovación Pedagóxica, reivindicou que os libros de texto non sexan o único recurso didáctico porque a educación debe ser gratuíta.
Neste sentido, a Plataforma Estatal pola Escola Pública explica que a utilización de libros de texto non é obrigada dende un punto de vista pedagóxico, e ademais existen cada vez máis docentes e centros educativos que non os usan habitualmente, salvo como materiais existentes nas bibliotecas de aulas.
Na súa opinión, débese camiñar neste sentido para que sexan os docentes os que desenvolvan o seu labor coas súas propias unidades didácticas, elaboradas en función do alumnado que teñen nas súas aulas, pero é evidente que os libros de texto son considerados aínda por moitos docentes como materiais imprescindibles para poder impartir as ensinanzas e así solicítanos ás familias, que deben afrontar os custos da súa adquisición, posto que iso non é asumido na súa totalidade polas administracións.
Pola súa banda, Ana García, do Sindicato de Estudantes, espera que o triunfo das mobilizacións sociais en casos como o de Gamonal, en Burgos, ou o da paralización da externalización de seis hospitais madrileños en Madrid, promovida pola marea branca, tamén se traslade á marea verde co freo á implantación e conseguinte derrogación da LOMCE.

Ningún comentario:

Publicar un comentario