A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) inicia o programa de actividades arredor do Día de Rosalía de Castro, que se celebrará o vindeiro 24 de febreiro, aniversario do nacemento da poeta. Este ano a iniciativa xira ao redor do programa graffitiRosalía, dirixido
a toda a sociedade galega, pero especialmente aos centros de ensino,
para que se realizaren nos propios centros ou en espazos públicos coa
colaboración dos concellos, pintadas nos que os versos de Rosalía sexan
protagonistas. Esta acción colectiva en torno á figura de
Rosalía de Castro busca "visibilizar os seus versos en espazos públicos e
comunitarios".
Esta intervención visual e artística poderá ir acompañada do
recitado dos seus versos, ou de calquera outra actividade que contribúa a
dinamizar e dar pulo á obra poética de Rosalía. A AELG ponse á
disposición dos centros de ensino para recompilar e difundir todas
aquelas ligazóns onde as comunidades escolares dispoñan as súas
actividades organizadas para este día. Para isto, pide que os centros
confirmen á AELG a súa participación no desenvolvemento destas
actividades e remitan a información necesaria para a súa difusión.
A AELG busca ademais institucionalizar o Día de Rosalía de Castro como unha xornada de celebración da nosa literatura promovendo entre a cidadanía o agasallo dun libro en galego e unha flor
A AELG vén solicitándolles desde 2011 aos concellos que declaren o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, e así o fixeron nun número de 29, sumándose tamén a propia Deputación da Coruña.
A asociación seguirá a llelo solicitar aos que non o fixeron aínda e de
igual xeito pediralles que recollan esta celebración nas súas
programacións culturais. A AELG busca ademais institucionalizar o Día de Rosalía de Castro como unha xornada de celebración da nosa literatura promovendo entre a cidadanía o agasallo dun libro en galego e unha flor.
A asociación elaborou un texto, a xeito de manifesto, para acompañar a convocatoria graffitiRosalía:
"Rosalía de Castro é unha fenda.
Unha ferida aberta nas conciencias.
A voz que sempre nos asombra.
Querémola viva,
sabémola ceiba.
Querémola pola rúa,
nos barrios e nos arrabaldes,
nas aldeas e nas prazas,
nas fachadas brancas dos edificios.
Queremos que os seus versos nos invadan,
fender con eles o mutismo das paredes.
Para que a súa voz ilumine os muros.
Alta e clara como murmurio e como berro.
Por iso, convidámosvos a participar en graffitiRosalía".
Ningún comentario:
Publicar un comentario