Entre os preceptos aprobados en 2004 por unanimidade figurou unha emenda do PSdeG, que o PP de Fraga aceptou sen alterala, pola cal o Executivo se comprometía "a presentar ante o Parlamento a programación anual para o desenvolvemento das medidas propostas" no PXNL, algo que non aconteceu no pasado 2013. En setembro dese ano a deputada do BNG Ana Pontón rexistrou unha pregunta na que advertía a Educación de que, "a poucos meses de rematar o ano" a devandita programación "non foi presentada", e instaba a Consellería a aclarar "por que razóns incumpre a obriga de presentala". A resposta nin sequera chegou en 2013, senón que entrou no Rexistro da Cámara o 22 de xaneiro e fíxoo sen demasiadas aclaracións e admitindo implicitamente que non presentou a programación comprometida.
O Goberno de Fraga aceptou que a Xunta presentase "a programación anual para o desenvolvemento das medidas propostas" no planNa súa resposta a Consellería explica que este departamento autonómico "ofrece á Cámara galega diversa información, tanto a petición propia como a petición dos grupos parlamentarios, respecto das accións e da política lingüística que está a desenvolver". Así, di a Xunta, "se fixo na comparecencia que tivo lugar" o pasado 16 de abril, na que o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, explicou "as liñas de actuación do seu departamento, onde saíu a debate o devandito plan e houbo un repaso dos programas de dinamización da lingua galega" e das "accións referidas á formación e capacitación lingüística, investigación e proxección exterior do galego, entre outras cuestións".
Neste escenario, continúa a resposta oficial, é "coñecido, como queda de manifesto en reiteradas intervencións públicas e no propio Parlamento", que "a política lingüística que está a realizar a Xunta" parte "do convencemento de que o galego é útil en calquera ámbito e para todas as funcións", ademais de ter unha "vontade política de crear actitudes positivas cara á lingua". Así, abonda, "o Goberno galego está a aplicar unha política lingüística fundamentada no mandato legal derivado do Estatuto de Autonomía e da Lei de Normalización Lingüística". "Ao tempo", conclúe, o Executivo "toma como referencia o Plan Xeral de Normalización Lingüística". Sen noticias, non obstante, da súa programación e cumprimento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario