O ministerio de Educación defende na comisión permanente do Consello escolar do Estado os contidos académicos das materias troncais e específicas. Docentes galeg@s debullan a proposta e conclúen que Galiza --a súa cultura e a súa historia, a súa lingua e a súa xeografía-- fican para unha liberdade de cátedra que non se poderá exercer pola densidade dos contidos que Madrid impón.
O caderno de análise A Fondo nº52, que se entrega canda o semanario Sermos Galiza ou que pode mercarse de maneira independente na loxa por só 0.50€, analiza desta volta os currículos que o ministerio español de Educación propón para o curso académico 2014-2015.Docentes galeg@s encargad@s de impartir cada unha desas materias debullan a oferta que Madrid lles quere impoñer. Marcos Loureiro --Lingua e Literatura Galega--, Ana María Alonso --Filosofía-- ou Marcos Maceira --Historia e Historia da Arte-- chegan a unha mesma conclusión: Galiza non existe. Calquera intención do profesorado de galeguizar os contidos que explica ao alumnado fica suxeito a unha liberdade de cátedra que non se poderá exercer porque, como explica Xoán Carlos Garrido --Valores Éticos e Valores Sociais e Cívicos--, "os contidos curriculares mínimos que chegan de Madrid son tantos que non ten sentido incrementar nada máis porque sería imposíbel impartilos".
O caderno enceta cun artigo asinado polo secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao Rodríguez, en que recorda as propias palabras do ministro Wert cando dixo, sen que as cores lle subiran á cara, que cumpría "españolizar" o alumnado de Catalunya, para subliñar como, nunha proposta curricular que abrangue até 63 disciplinas, o pensamento, a arte, o patrimonio, a xeografía e a historia da Galiza fican "ignoradas".
Continúa o docente de ensino medio Marcos Loureiro poñendo en evidencia a modificación do estatus das linguas cooficiais no sistema educativo non universitario. Galego, catalán e vasco pasan a ser materias consideradas "de especialidade" --coa posibilidade de que o estudantado non teña que pasar un exame nas reválidas-- namentres o castelán será obrigatoria --e o exame tamén-- canda a outra lingua estranxeira, maioritariamente o inglés.
O desprezo por todo o que ten a ver coa educación afectiva, emocional e sexual no currículo de Valores Éticos enfatízao o profesor Garrido nun artido a dupla páxina que entitulou "Cara a unha ética de empresa no ensino" e en que se fai preguntas como se só a poboación inmigrante ten unha lingua e unha cultura distinta dentro do Estado español, cuxo goberno tanto apela á "interculturalidade".
A proposta de Madrid evidencia que de todo o patrimonio artístico do noso País só coñecen o Pórtico da Gloria, pois o alumnado só terá que saber algo diso para superar a materia Fundamentos da Arte onde, tal e como conta o docente Marcos Maceira no seu artigo, terán que estudar desde a serie televisiva Mad Men até Michael Jackson pasando polo canon de beleza das modelos profesionais ou firmas de moda como Armani.
O derradeiro artigo do A Fondo vai asinado pola profesora Ana María Alonso e nel cuestiona o "proceso de devaluación" sufrido pola materia que ela imparte, Filosofía, "na medida en que o seu labor crítico abarca outros saberes e actividades". Non deixes de dar un mergullo neste caderno de análise, onde atoparás moito máis que isto que che contamos. Todo en oito páxinas coordenadas pola xornalista Olalla Rodil.
Ningún comentario:
Publicar un comentario