O alumnado baixa 15 puntos en Primaria e case 20 en ESO e BacharelatoO Ministerio de Educación vén de publicar a edición 2014 do seu anuario, que inclúe datos correspondentes ao curso 2011-2012. Este documento amosa unha caída xeralizada do estudantado que asiste ás clases de relixión en todos os niveis educativos. Así, en Educación Primaria o seguimento da relixión católica perdeu quince puntos en dez anos, pasando dun 90,6% no curso 2001-2002 ao 75,2% do 2011-2012. No caso da ESO hai unha década ían a relixión o 63,2% dos e das estudantes e agora fano case vinte puntos menos, o 43,4%. No caso do Bacharelato a caída é tamén de case vinte puntos, pasando nun escenario no que practicamente a metade ía a relixión, o 48,5%, a que só o faga o 26,7% dos mozos e mozas que cursan BAC en centros públicos.
Porcentaxe | 2001-2002 | 2011-2012 |
---|---|---|
Primaria | ||
Católica | 90,6 | 75,2 |
Outras | 0,2 | 0,8 |
Non cursa | 9,2 | 23,9 |
ESO | ||
Católica | 63,2 | 43,4 |
Outras | 0,1 | 0,2 |
Non cursa | 36,7 | 54,9 |
BAC | ||
Católica | 48,5 | 26,7 |
Outras | 0,2 | 0,02 |
Non cursa | 51,2 | 73,3 |
Este descenso continuado de alumnado non implicou, así e todo, que a Consellería de Educación reducise o cadro de profesorado da materia, financiado polas arcas públicas pero elixido directamente pola Igrexa sen proceso de oposición ningún. Mentres a escola pública galega no seu conxunto perdeu, segundo datos oficiais, 1.200 docentes dende 2009, nos Orzamentos Xerais da Xunta para 2014 aparece un cadro de profesores e profesoras de relixión idéntico ao existente cando o PP chegou ao Goberno: 975 traballadores e traballadoras dos que 580 desenvolven o seu labor en Primaria e 395 na ESO. A maioría están contratados a xornada completa e só 68 a media xornada e libráronse, ademais, dos incrementos horarios dos últimos anos.
A Xunta mantén o mesmo profesorado de relixión que en 2009 cun recorte orzamentario inferior ao 3%Aínda que non todas as prazas orzamentadas están cubertas, o certo é que o profesorado do ensino relixioso líbrase tamén doutro dos grandes males da educación nesta crise, os recortes orzamentarios. Mentres que o conxunto das partidas educativas perderon arredor dun 15% dende 2009 e seguiron a ser recortadas entre 2013 e 2014, as de relixión apenas sufriron variacións. Así, nas derradeiras contas do bipartito o profesorado de relixión estaba dotado con 30,1 millóns e nas de 2014, con 29,3 millóns, igual que en 2012 e 2013. Isto implica unha redución de apenas un 2,6%, cun montante total que está por riba, por exemplo, dos 28,8 millóns de euros que financian os comedores escolares.
Ningún comentario:
Publicar un comentario