martes, 5 de xullo de 2016

Zürich e Tokio terán centros de estudos galegos

A Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta amplíase a 37 centros de ensino e aprendizaxe da lingua, literatura e cultura galegas noutras tantas universidades do mundo.

A Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia sumará dous novos a partir do vindeiro curso académico, en virtude das novas incorporacións dos centros adscritos a ela en Zürich (en colaboración coa universidade desta cidade suíza) e en Tokio (en colaboración co Instituto Cervantes da capital xaponesa). Deste xeito, a rede amplíase a un total de 37 centros de ensino e aprendizaxe da lingua, literatura e cultura galegas noutras tantas universidades do mundo.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou a importancia das accións de proxección exterior do idioma e manifestou o compromiso da Xunta en seguir reforzando e ampliando as liñas de traballo neste ámbito.
A Rede de Centros de Estudos Galegos está integrada actualmente por un total de 35 centros en universidades de América e de Europa por medio de convenios de colaboración que subscribe a Administración autonómica galega desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O obxectivo é dotar estas universidades de órganos de referencia, coordinados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, para o coñecemento e a promoción da nosa lingua, non só no ámbito académico, senón tamén na súa área de influencia.
Actualmente, hai centros de estudos galegos en Alemaña, Brasil, Croacia, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Suíza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario