venres, 1 de xullo de 2016

A USC participa nun plan europeo para promocionar carreiras técnicas entre as mulleres

Na recente conferencia Digital Festival 2016 organizada en Bruxelas polo Forum Europe, o comisario europeo de Educación, Cultura e Deportes, Tibor Navracsics, mencionou o proxecto  educativo ICT-Go-Girls! no que colabora a USC como un exemplo destacado no fomento das vocacións tecnolóxicas entre as chicas.
ICT-Go-Girls! Promoting Entrepreneurship Among Secondary School Girls through ICT é un innovador proxecto Comenius Multilateral dirixido pola área de e-learning do CESGA e no que participou o Grupo de Investigación en Tecnoloxía Educativa da USC xunto con outras cinco institucións europeas: Die Berater e Universidade do Danubio (Austria), Fraunhoffer IAO (Alemaña), Spoleczna Akademia Nauk (Polonia), e CVO Antwerpen (Bélgica).
O equipo da USC liderado polas profesoras Beatriz Cebreiro e Carmen F. Morante desenvolveu unha metodoloxía educativa para levar a cabo nas aulas dos primeiros anos de educación secundaria que permite traballar de xeito máis motivador as TIC e lograr un maior interese e coñecemento na elección de carreiras tecnolóxicas por parte das alumnas de secundaria. Como ferramenta fundamental para o desenvolvemento desta metodoloxía, o CESGA deseñou e implementou unha contorna virtual social baseado en software libre a través da cal se testou a proposta. Ambos recursos están dispoñibles no web do proxecto.
A USC e o Cesga continúan promocionando e participando en accións para motivar a elección de carreiras tecnolóxicas entre as máis novas. Entre outras  actividades figura a organización anual do evento ‘Girls in ICT’ en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade e o CPEIG ou a recente proposta ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’ en colaboración co Concello de Santiago.

Ningún comentario:

Publicar un comentario