Unha vez rematado o curso, a Consellaría de Educación obriga o profesorado a modificar os criterios de avaliación para subir ao programa de Xestión Administrativa da Educación (XADE).
A Consellaría de Educación, o 10 de xuño,
tan só a doce días de que remate o curso escolar, publicou a orde que
regula a avaliación e a promoción do alumnado que cursa educación
primaria cando moitos centros e profesorado xa teñen iniciado e
cumprimentado todo o procedemento burocrático que supón a avaliación.
O despropósito da Consellaría non ten límites, pois non só
pretende que o profesorado modifique os criterios estabelecidos na
avaliación, cando xa rematou o curso, senón que neste momento nin
sequera ten activada a aplicación no Xade para poder facelo. O desatino é
tal que están chamando o profesorado que foi substituto e que xa non
ten relación laboral coa Consellaría para que adapte a avaliación e a
complete na dita aplicación.
Despois de dous cursos de aplicación
da LOMCE en primaria, a Consellaría ten a ousadía, unha vez iniciadas
as vacacións escolares, de obrigar os centros a revisar e a mudar todo o
traballo xa realizado. A Consellaría de Educación trata os seus
traballadores e traballadoras como escravos obedientes, despreza o seu
traballo e bótao ao lixo. Todo isto é aínda máis grave tendo en conta
que tanto o profesorado como a CIG-Ensino levamos dous anos esixindo
unha orde que concrete a avaliación segundo a normativa en vigor. Unha
vez máis, a Consellaría demostra o seu desprezo e desconsideración polo
profesorado e o seu traballo, actitude que vén sendo o modo de actuación
do Partido Popular á fronte desta Consellaría. Proba do carácter competitivo e clasista da LOMCE é que esta mesma orde está destinada tamén a estabelecer todo tipo de diferenzas entre o alumnado. Soamente así se pode entender que se estabeleza xa en primaria o outorgamento de “mencións honoríficas” ao alumnado “excelente”, desprezando o feito de que o ensino ten que ser un dereito de todos e todas e de que a escola ten que procurar que o alumnado desenvolva as súas capacidades e aptitudes e proporcionar unha formación integral. O ensino non pode incentivar unha carreira competitiva para o alumnado que acabará inculcándolle o individualismo e a insolidariedades desde o primeiro día da escola.
A CIG-Ensino esíxelle á Consellaría que cese na súa intención de obrigar o profesorado a modificar a súa avaliación e, por tanto, que desista de demandarlle de subir ao Xade en período de vacacións uns criterios que non aplicou na avaliación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario