xoves, 28 de xullo de 2016

A Fundación CEL impartirá dous cursos gratuítos de mercadotecnia dixital en setembro

A Fundación CEL Iniciativas por Lugo anunciou esta semana unha achega de seu para afianzar entre os nosos profesionais e PEME o emprego das tecnoloxías para as súas accións de promoción, mercadotecnia e mantemento no tempo de clientes. Trátase de dous cursos de balde sobre márketing dixital que se van desenvolver na segunda e terceira semana de setembro. Están especialmente dirixidos a cooperativas e sociedades laborais de recente creación, así como a emprendedores de economía social. Estas accións formativas, deseñadas co apoio da Rede Eusumo e a Xunta de Galicia, terán lugar nas instalacións da propia Fundación CEL (Pazo de Feiras e Congresos) en horario de tarde e artellaranse a través de dous módulos, de iniciación e avanzado.
Os cursos serán impartidos por un experto profesional do sector de mercadotecnia dixital, de forma presencial e baixo un formato eminentemente práctico. Segundo informa a organización acerca dos contidos xerais, “facilitarase a comprensión da importancia que supón acometer procesos de transformación dixital nunha organización e a adquisición de competencias tecnolóxicas básicas; fomentarase a aprendizaxe para o desenvolvemento dun plan de comunicación dixital propio, e indicarase como utilizar as principais ferramentas para a súa integración e posta en marcha”.
Entre outros coñecementos concretos, a idea é familiarizar aos alumnos coa elaboración dun plan de comunicación dixital para a súa empresa ou proxecto, coa creación e xestión do seu propio blog, co mantemento da súa páxina de Facebook ou conta de Twitter, coa posta en práctica de estratexias de SEO (Search Engine Optimization, ou sexa ptimización en buscadores), coa creación de campañas de anuncios en redes sociais ou co seguimento e análise dos resultados das súas accións en liña.
Os interesados en asistir poden inscribirse nun ou os dous cursos, a través do formulario online na web da Fundación CEL, fundacioncel.org.

Ningún comentario:

Publicar un comentario