mércores, 6 de xullo de 2016

Amosan en Vigo os seus avances en coñecemento e comunicación

Este luns arrincou en Filoloxía e Tradución (Universidade de Vigo) a segunda edición das Xornadas de Doutorandos en Comunicacións, cita formativa para estudantes en proceso de obteren o doutoramento na dita especialidade. Nos encontros participan unha decena de investigadores novos, achegando as súas achegas en diversos eidos temáticos, moitos deles ligados directamente ás novas tecnoloxías da información: Twitter e a política, xestión de marcas a nivel persoal e non empresarial, pontes entre o subtitulado e a lingua de signos, etc. As xornadas, que se desenvolven tamén hoxe, son un palestra para amosar o miolo dos traballos dos futuros integrantes do noso tecido investigador.
Coordinada polos profesores Mª José Corvo Sánchez e Benigno Fernández Salgado, a inauguración desta cita contou tamén coa participación de Luis Alonso Bacigalupe, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, que fixo especial fincapé na importancia da comunicación como “unha actividade transversal e esencial” que xera un gran valor engadido para as empresas. “Vivimos un tempo complexo no que parece que todas as actividades que non sexan enxeñaría e tecnoloxías non son importantes, pero tamén no que as cousas empezan a mudar e hai xa síntomas de que as habilidades comunicativas comezan a valorarse e a facerse necesario un perfil de expertos en comunicación coma o que vós representades”, salientou o decano.
A primeira en amosar os seus traballos foi a investigadora Ana María da Silva Vieira, que presentou os principais puntos dunha investigación coa que pretende afondar nos vínculos que unen os ámbitos das relacións públicas e do secretariado. No caso de Julinda Molares, outra das investigadoras participantes, a súa intervención xirou en torno a xestión da denominada marca persoal, personal branding en inglés, un concepto de desenvolvemento persoal que consiste en considerar a determinadas persoas como unha marca que, ao igual cas marcas comerciais, debe ser elaborada, transmitida e protexida, con ánimo de diferenciarse.
No caso de Xavier Martínez Rolán, vicedecano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, fixo nos encontros unha aproximación aos diferentes estudos que se realizaron sobre Twitter desde a comunidade académica, con especial interese no relativo aos medios de comunicación e á política, tanto internacional como nacional e rexional/local.
A influencia do teatro na creación cinematográfica do realizador nipón Hayao Miyazaki, os formatos de debate no prime-time das cadeas autonómicas de Galicia, unha análise crítica da biografía feita por Ángel de la Calle sobre a fotógrafa italiana Tina Modotti, a relación entre subtitulado e lingua de signos española e estratexias de contidos para as redes sociais das institucións de educación superior en Europa, son outros temas nos que están a traballar esta nova xeración de comunicadores e que se presentaron nas xornadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario