luns, 18 de xullo de 2016

En 855 aldeas galegas xa só fica un único veciño

Outras 1.116 só teñen dous habitantes. Ao longo de 2015 un total de 55 entidades ficaron sen habitantes, sumándose ás 1.614 que xa estaban abandonadas.

En 855 aldeas galegas xa só vive un veciño. Un único habitante que garda memoria e lembranza da vida nestes núcleos antano poboados, da veciñanza, das familias, crianzas, traballos, convivios, festas... entidades mesmo con capela ou igrexa, até escolas, e das que xa só fica unha única persoa habitándoas. O despoboamento do rural galego tradúcese en desertización, abandono e perda. O máis que probábel destino destas 855 aldeas cun único veciño será engrosar a listaxe dos núcleos deshabitados. En Galiza, 1.669. O que supón 55 máis que no ano anterior, cando eran 1.614.
Mais os datos do Instituto Galego de estatística non deixan moito espazo para a esperanza. Hai 1.116 núcleos de poboación no noso país con 2 habitantes, situándose tamén ao bordo da desaparición. Estamos, pois, a falar de que perto de 2.000 aldeas van pasar a estar totalmente deshabitadas, abanonadas, en breve.
Unha imaxe da problemática á que nos afrontamos é que se sumamos os núcleos abanonados en todo o resto de territorios do Estado, o seu número non acada as que están nesa situación no noso país. Son 1.669 as entidades sen habitantes en Galiza e as sumadas do resto do Estado son 1.618. Asturies, o segundo territorio, tras Galiza, en número de aldeas bandonadas, ten 696. E Castalea-León, terceira neste ranking de abandono, 242.
A dinámica de abandono non ten visos de reverterse. En 2015 foron, diciamos, 55 os núcleos galegos que ficaron deshabitados. O ano anterior, 75. E o 2013, 70. E no 2012, 61 foron as entidades que quedaron baleiras. E así nunha dinámica que vén de hai décadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario