O Consello
Superior de Investigacións Científicas (CSIC) está a traballar
dende a nosa terra no desenvolvemento de novas ferramentas software
para o patrimonio cultural. Trátase, informa o CSIC, dun feixe
de innovadores recursos informáticos “baseados en modelos
abstractos de referencia e en ferramentas conceptuais e metodolóxicas
dirixidas ás organizacións xeradoras desa información”. Entre as
súas principais vantaxes comúns atópase a seguinte: con elas
redúcese o custo habitual da súa difusión ao público xeral e
contribúese á recepción das súas contribucións. Polo de agora
deseñáronse e optimizáronse dous produtos pero a liña de traballo
baséase en seguir fornecendo recursos novos. Estas dúas achegas xa
dispoñíbeis son, por unha banda, a tecnoloxía CHARM (un modelo
conceptual de patrimonio cultural), e, pola outra, ConML (unha
linguaxe de modelado conceptual especialmente deseñada para as
humanidades e ciencias sociais).
Segundo explica César
González Pérez, científico do CSIC no INCIPIT e responsábel da
liña de investigación, “a información patrimonial xerada polas
organizacións é, en xeral, invisíbel para o común do público,
entre outras razóns porque as entidades carecen das ferramentas
conceptuais e tecnolóxicas precisas para visualizala”. Na súa
opinión, “é fundamental avanzar nas tecnoloxías que permitan
xestionar a información patrimonial de forma integral e flexíbel”.
Ao fío disto, explica, o INCIPIT iniciou en 2008 a liña de
investigación Tecnoloxías Semánticas e Patrimonio Cultural. O que
se busca a través dela é “crear, seleccionar, desenvolver,
analizar, validar, demostrar e diseminar as tecnoloxías precisas
para a construción de significado ao redor da información que se
xera e manexa no contexto do patrimonio cultural”. Trátase,
ademais, dunha liña de traballo “fortemente transdisciplinar, xa
que nela desenvolven o seu labor informáticos, arquitectos,
arqueólogos e outros especialistas”, engade o investigador galego
dende o INCIPIT.
As dúas ferramentas:
CHARM e ConML
Segundo explica nun plano
máis concreto, CHARM e ConML son “produtos de investigación
concibidos como ferramentas conceptuais e metodolóxicas para o
ámbito do patrimonio cultural que permiten xestionar a información
patrimonial dunha forma científica, organizativa e economicamente
pouco custosa para as organizacións”. A finais deste ano prevese
lanzar un conxunto de ferramentas software baseadas neles para que
calquera programador poida desenvolver produtos software compatíbeis
cos devanditos recursos.
CHARM
é un conxunto de conceptos e relacións formalmente definidos e
expresados que captura todo aquilo que poida ser obxecto de recibir
valor cultural por parte de calquera individuo, así como as
valoracións asociadas. Lanzouse en 2012 cunha licencia CC BY, polo
que é de libre uso. “Trátase”, lembra César González, “dun
conxunto de termos, conceptos, definicións e relacións que
describen coa mínima ambigüidade e con gran flexibilidade que
aspectos son relevantes no patrimonio cultural”.
Pola súa banda, ConML
é unha linguaxe de modelado conceptual especialmente construída
para que as persoas non expertas en tecnoloxías da información
poidan crear e desenvolver os seus propios modelos conceptuais.
Lanzouse en 2010 tamén cunha licencia CC BY. Consiste nunha linguaxe
artificialmente construída para “que o público xeral poida
expresar con máximo rigor e escasa ambigüidade aspectos da
realidade tales como que obxectos, estruturas, actos sociais ou
outros elementos son recoñecidos por que axentes, a través de que
procesos valorativos, e como esta situación cambia ao longo do
tempo”, sinala César González Pérez.
Ambas as ferramentas
empregáronse xa en proxectos e traballos de investigación e o
INCIPIT está a levar a cabo actividades formativas sobre o seu uso.
“Polo momento, constatamos que estas infraestruturas cambian
radicalmente a xestión de información patrimonial por parte das
organizacións que a xeran e lle tiran proveito e serven, á vez, de
plataforma para o establecemento dun diálogo cos cidadáns”,
salienta César González.
Os traballos para o
desenvolvemento desas novas ferramentas realizáronse no marco do
proxecto de investigación Metodoloxía Integral para a
Representación Formal do Patrimonio Cultural, financiado pola Xunta
de Galicia (2009 e 2012), e continúan cos proxectos Patrimonio 2.0:
Modelos abstractos de referencia para información en patrimonio
cultural, financiado polo Plan Estatal de Investigación-Retos
2014-2017) e Advanced
Research Infrastructure for Archaeological Dataset Networking in
Europe (ARIADNE), financiado polo VII Programa Marco da Unión
Europea (2013-2017).
Ningún comentario:
Publicar un comentario