mércores, 6 de xullo de 2016

O 42% dos desempregados galegos leva máis de dous anos sen traballo

O número de persoas que levan máis de 24 meses sen emprego en Galicia ascende de 15.000 a 95.000 entre 2008 e 2016.

Os gobernos central e autonómico seguen falando dunha realidade que dista moito do drama que sofren milleiros de persoas, como o 42% dos desempregados en Galicia, que levan máis de dous anos sen traballo, segundo un estudo realizado pola empresa de servizos en recursos humanos Randstad.
O informe sinala que dende 2008 ata 2016 o número total de persoas que levan máis de dous anos sen emprego en Galicia ascendeu de 15.300 a 94.800, aínda que dende 2015 descendeu un 15%, xa que nese momento a cifra se elevaba a 112.000.
Mentres, o número total de desempregados en Galicia sitúase en 228.000 persoas e duplicouse dende 2008. Foi en 2014 cando se alcanzou o teito histórico con 297.000 parados no noso país.
No ámbito estatal, Canarias é a rexión coa taxa máis elevada de desempregados que o estiveron durante máis de dous anos, un 49,2%; seguida pola Comunidade Valenciana, cun 48,7%; e Navarra, cun 47,8%. Mentres, as illas Baleares son a rexión que rexistra un menor número de parados de polo menos dous anos, un 23,4%; seguida por Cantabria, cun 37,6%; e Extremadura, cun 38,6%.
PARO XUVENIL
O informe destaca que o 20,7% dos desempregados de menos de 25 anos levan máis de dous anos sen traballo, é dicir, 138.600 persoas, fronte ás 25.000 rexistradas en 2008. En concreto, o punto máis elevado de menores de 25 anos parados durante máis de dous anos tivo lugar en 2014, data na que se alcanzaron os 248.800 empregados, o que representaba un 28,2% do total de parados.
A este grupo ségueno os parados de entre 25 e 45 anos, no que o 40,3% leva máis de dous anos sen emprego. Pola súa banda, os desempregados de máis de 45 anos son os que presentan unha maior porcentaxe de desemprego durante máis de dous anos, un 56,1%.
De acordo co estudo, o número de desempregados que leva máis de dous anos en busca de emprego en España multiplicouse por oito entre 2008 e 2016, xa que pasou de 242.800 a 2,7 millóns. Tras sete anos de incremento constante, este grupo experimentou en 2016 o primeiro descenso en termos absolutos, que supuxo unha caída do 13%.
En relación ao total de empregados, os parados de máis de dous anos representaban o 11,1% en 2008, mentres que en 2015 alcanzaron o seu máximo nivel, un 43,7%. Ademais, o informe destaca que o 7,4% dos parados de máis de dous anos nunca traballaron.

Ningún comentario:

Publicar un comentario