A Universidade de Vigo
vén de facer un repaso pola actividade xerada pola súa plataforma
de cursos masivos en liña, integrada no Campus Dixital de Mar,
logo do seu primeiro ano e medio de funcionamento. Segundo
fai saber a UVigo xeráronse ao seu abeiro 24 cursos e permitiuse a
matriculación de máis de 2.500 persoas. A UVigo lembra que o
proxecto encetou a súa andaina o primeiro día de 2015 e dende entón
foi quen de achegar actividades formativas de gran repercusión na
comunidade en liña. Por exemplo o curso sobre técnicas de
laboratorio aplicadas á Bioloxía, no que se matricularon máis de
medio milleiro de persoas. A temática destas actividades formativas
desenvolvidas dixitalmente foi do máis variada: hóuboas
científicas, humanísticas e, por suposto, tecnolóxico-dixitais.
Os principais impulsores
destas plataforma foron Manuel J. Fernández Iglesias, vicerreitor de
Extensión Universitaria, Domingo Docampo, responsábel do Campus
Dixital do Mar, e Vicente Goyanes, coordinador da asistencia técnica
multimedia da Universidade. O principal obxectivo da súa achega en
común foi emprazar á Universidade no mundo dos cursos masivos en
liña, os coñecidos como MOOC polas súas siglas en inglés, “cunha
oferta específica moi adaptada ás capacidades do profesorado
universitario vigués e ofrecendo unha formación rigorosa e útil
baseada principalmente en materiais audiovisuais de alta calidade
desenvolvidos na propia universidade”, sinalan, engadindo que non
se procuran accións de ensino que sexan quen de xuntar grandes
audiencias, “das cales hai milleiros dispoñíbeis na Rede”,
senón empregar o modelo de formación en liña para fornecer
“formación especializada de alta calidade e adaptada a un abano
moi amplo de dispoñibilidade do alumando”.
Segundo engaden, a nova plataforma deulle aos
docentes “a posibilidade de crear cursos audiovisuais con
tecnoloxía de última xeración e expandir a súa difusión, moito
máis aló do alumnado propio”. Desde o punto de vista dos
estudantes, permitiulles “acceder a cursos de alto nivel impartidos
por expertos universitarios, de xeito totalmente gratuíto e
adaptando os contidos aos seus propios horarios e estilos de
vida”.
En relación ao lugar de orixe dos matriculados e
matriculadas, o 57% é de procedencia estatal e preto do 40% provén
de Latinoamérica.
Na opinión dos impulsores da plataforma, a
clasificación dos cinco cursos con máis seareiros reflicte tamén
“a variedade temática desta oferta”. Encabeza a listaxe o curso
Técnicas
básicas de laboratorio aplicadas á Bioloxía, coordinado
polos profesores Paloma Morán, Manuel Megías e Diana Valverde, con
507 seguidores e do que xa se fixo unha segunda edición. Séguelle
Biomateriais,
do concepto á clínica, dirixido polos docentes da Escola de
Enxeñería Industrial, Julia Serra e Pío González, no se
matricularon 323 persoas. Os dous seguintes, con 298 e 295 seguidores
cada un, están coordinados polo profesor da Facultade de Filoloxía
e Tradución, Jesús G. Maestro e xiran entorno ao mundo literario:
Teoría
da literatura, o primeiro, e Literatura
comparada, o segundo. En canto a número de inscritos (preto
de 300 a aínda a seis meses da data oficial de inicio, en xaneiro de
2017), pecharía a clasificación o curso Utilización
de ferramentas baseadas en TIC para a xestión da información na
empresa, coordinado polos docentes da Facultade de Ciencias
Económicas e Empresariais Ángeles Sandoval, Miguel Ángel Merino e
Fernando Comesaña, e dirixido a ofrecer “unha visión xeral de
como as Tecnoloxías da Información e a Comunicación poden
contribuír á mellora da xestión empresarial”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario