martes, 5 de abril de 2016

Os mozos discriminan máis que as mozas en Facebook

Un estudo reflicte unha forma masculina e outra feminina de comportarse nas redes sociais.

En Facebook eles discriminan máis que elas. Un equipo de sociólogos da Universidade Rovira i Virgil de Tarragona levou a cabo un estudo sobre as expresións de discriminación na maior rede social utilizadas por mozos con idades que van dos 17 aos 24 anos. Nos resultados obtidos, observaron algúns patróns diferenciais entre homes e mulleres novos que suxiren a existencia dunha forma feminina e outra masculina de comportarse na internet e un uso diferencial das redes sociais en relación coa discriminación. O estudo forma parte dunha iniciativa impulsada pola Unión Europea que ten por finalidade combater comportamentos racistas e discriminatorios. As conclusións da investigación publicáronse na revista Comunicar. 
Máis de 1.000 millóns de persoas utilizan a diario Facebook, segundo datos da compañía, cunha gran porcentaxe de xente nova. O uso de contidos racistas e discriminatorios preocupa á Unión Europea. Por iso púxose en marcha o proxecto Internet: Creatively Unveiling Discrimination (I:CUD), que elaborou unha guía para educadores e familias co fin de facilitar a creación de estratexias que combatan estes comportamentos na rede.
Segundo explica á axencia SINC David Dueñas i Cid, investigador do Social and Business Research Laboratory (SBRlab) na universidade catalá e autor do principal do estudo, o obxectivo foi obter información acerca dos tipos de contidos discriminatorios creados por mozos e a súa propagación a través de redes sociais como Facebook.
En lugar de usar técnicas de big data, tan en boga nestes momentos, o equipo optou unha aproximación sociolóxica, “xa que unha simple extracción de datos podía conducir a resultados erróneos”, di o investigador.
Para iso, deseñaron unha estratexia metodolóxica de detección de contidos discriminatorios en 493 perfís de Facebook procedentes de Reino Unido, Italia, Bélxica, Romanía e España, o cal permitiu atopar 363 exemplos para a súa análise.
Os homes publican mensaxes máis discriminatorios
Entre as institucións colaboradoras, atópanse CESP Projectes Socials (Barcelona),Fundatia PACT (Bucarest), Pour a Solidarité (Bruxelas), Colaxe-Arts (Londres),CIES (Roma) e o propio SBRlab. “Con iso -agrega Dueñas- quixemos garantir que o interese e a dedicación polo proxecto ía máis aló do analítico para incluír tamén unha dimensión ética e práctica”.
Os investigadores accederon aos perfís de Facebook dos voluntarios e revisaron os contidos publicados durante o último ano. Os comentarios ou actividades considerados discriminatorios foron avaliados, analizados e categorizados.
No estudo destácase que os homes novos tenden á actividade directa, publicando e compartindo mensaxes con contidos máis claramente discriminatorios, sobre todo dirixidos cara a grupos étnicos e minorías culturais.
En cambio, elas utilizan estratexias de discriminación máis indirectas, aceptando e difundindo contidos doutros (“gústame”) cunha menor evidencia do compoñente discriminatorio. As súas actitudes diríxense maioritariamente cara á situación sociocultural e a aparencia física, comenta o autor.
No traballo ponse de relevo tamén que os novos homes con menos estudos son os que verten máis contidos discriminatorios en Facebook, e as mozas universitarias, as que menos.
Elas utilizan estratexias  indirectas
Ademais, os autores detectaron que hai certos tipos de discriminación que se poden esconder máis facilmente, entre eles, a aparencia física, a clase social ou a homosexualidade.
Dueñas subliña que os datos obtidos mostran a existencia dunha relación entre as diferenzas internas da mocidade e o seu comportamento online, o que abre unha ponte ao estudo doutros ámbitos de análise, como poden ser as diferenzas entre socialización, uso da linguaxe ou do poder.
“A vida online non deixa de ser un reflexo da realidade offline, coa diferenza de que as actividades poden ser rexistradas nun espazo que se converteu en público ou semipúblico, o cal axuda a darlles relevancia, visibilidade e permanencia. Seguimos movéndonos na internet dun modo similar a como o fariamos no mundo real, pero na rede as palabras non llas leva o vento”, reflexiona o investigador.

Ningún comentario:

Publicar un comentario