martes, 5 de abril de 2016

As instalacións informáticas do Hospital Álvaro Cunqueiro inician as visitas estudantís

30 alumnos e tres profesores de ciclo de grao medio de Sistemas Microinformáticos e Redes do IES Pazo da Mercé das Neves, que iniciaron as visitas ás instalacións informáticas do Hospital Álvaro Cunqueiro, puideron coñecer en primeira persoa os recursos tecnolóxicos dos que dispón o centro e a capacidade que é capaz de xestionar. Con case 15.000 tomas de datos para a conexión de equipos informáticos e de comunicación, é un dos servizos máis avanzados de cantos hai nos hospitais de Galicia. A infraestrutura que xestiona o servizo de Informática situado no hospital permite a conexión centralizada e en rede de todos os equipos tanto informáticos como de comunicación, un sistema que xestiona máis de 2.000 teléfonos e máis de 2.500 computadores.
Tras asistir a unha sesión teórica, na que os alumnos coñeceron como funciona todo o sistema, visitaron a estancia que alberga os servidores e as unidades centrais, cunha capacidade de almacenamento superior a 300 TB. Unha cifra que en termos de consumo normal, por poñer un exemplo, significa que poderían almacenarse no Álvaro Cunqueiro 100 millóns de fotografías.
Posteriormente, os alumnos visitaron a infraestrutura a nivel de servidores que permanece no Hospital do Meixoeiro e que se trasladan, progresivamente, ao centro de proceso de datos do novo hospital de Beade.
O soporte informático do Álvaro Cunqueiro non só se refire aos computadores ou á telefonía, senón que dá servizo á nova tecnoloxía de que está dotada o hospital, mediante aplicacións informáticas.
Os estudantes das Neves, que se mostraron sorprendidos coas innovacións tecnolóxicas e o volume das mesmas, coñeceron de primeira man que o Hospital Álvaro Cunqueiro dispón de todos os servizos dixitalizados. Isto supón que é posible que todas as comunicacións entre profesionais sanitarios se realicen sen necesidade de utilizar papeis. Os documentos por escrito quedan só reservados para as indicacións que se lle entregan aos pacientes ou enfermos que son atendidos nos distintos servizos do hospital.
Os alumnos coñeceron, ademais, que o servizo de Informática xestiona as estacións de diagnóstico radiolóxico e o relacionado coa alta tecnoloxía. Os responsables do servizo informáronlles, ademais, da existencia de 500 repetidores de sinal Wi-Fi, que están distribuídos polo hospital.

Ningún comentario:

Publicar un comentario