mércores, 6 de abril de 2016

A Olimpíada Española de Bioloxía reunirá en Vigo os mellores expedientes do ensino secundario

Tres días de convivencia, aprendizaxe e tamén competición para elixir os mellores estudantes de Bioloxía do ensino secundario de todo o Estado. O xoves chegarán a Vigo os 61 alumnos e alumnas de todas as comunidades autónomas que participarán ata o domingo no campus de Vigo na XI Olimpíada Española de Bioloxía, unha cita que se celebrará por primeira vez en Galicia. Entre participantes, delegados, voluntarios e persoal colaborador mobilizaranse arredor de 120 persoas nun evento que pretende tamén convertese nun escaparate, non só destes estudos en xeral, senón de Facultade de Bioloxía viguesa en particular.
O programa de actividades arrancará o xoves cun acto de recepción oficial por parte do Concello de Vigo no Pazo de Castrelos e concluirá coa clausura e entrega de premios o domingo 10 de abril na sede Afundación. Entre tanto,os 61 estudantes realizarán probas teóricas e prácticas e terán tempo tamén para visitas culturais e actividades formativas, como o relatorio que impartirá o catedrático da Universidade de Vigo David Posada sobre a xenómica evolutiva do cancro. Os participantes poderán tamén visitar o sábado o Parque Nacional das Illas Atlánticas.
O evento servirá de escaparate da Facultade de Bioloxía viguesa
A Olimpíada Española de Bioloxía (OEB) naceu en 2005 impulsada por profesores das Illas Canarias, que constituíron, con rápidas adhesións do resto do país, a Asociación Olimpíada Española de Bioloxía, entidade que fomenta os estudos relacionados con este eido e promove o interese na investigación entre o estudantado do sistema educativo español. A OEB está principalmente formada por docentes de secundaria, docentes universitarios, colexios de biólogos e outras entidades como a Sociedad Española de Historia Natural. A finalidade destas actividades é estimular entre o alumnado de ensino medio o interese e o coñecemento desta disciplina ao tempo que se premia e recoñece aos mellores estudantes de toda España. Ademais, a celebración das probas permite un intercambio persoal e académico tanto entre estudantes como entre docentes de todo o país. Explica o decano da Facultade de Bioloxía de Vigo, Jesús M. Míguez, que este tipo de eventos son relevantes para “animar aos rapaces e rapazas a desenvolver as súas capacidades na bioloxía”, pero lembra que tamén serve como “escaparate do centro para atraer a outros estudantes da nosa contorna, facerlles ver as posibilidades das nosas titulacións, e tamén as potencialidades que ten a Universidade de Vigo nos estudos do ámbito científico”.
Os mellores clasificados participarán nas edicións internacionais en Brasil e Vietnam
 Na fase nacional participan os gañadores das fases locais en todas as Comunidades Autónomas, Ceuta e Melilla e os centros españois no estranxeiro. Deste xeito, os catro primeiros clasificados desta fin de semana en Vigo asistirán á XXVII Olimpíada Internacional de Bioloxía 2016 que se celebrará en Hanoi (Vietnam) do 17 ao 24 de xullo e os catro seguintes participarán na X Olimpíada Iberoamericana de Bioloxía 2016, que terá lugar en Brasil na segunda semana de setembro de 2016. Na competición nacional desta semana en Vigo, Galicia estará representada por Marta Míguez Bello, do IES Os Rosais II, de Vigo; Roberto Rilo Antelo, do IES Monelos, de A Coruña e Tania Penas Iglesias, do IES Pontepedriña, de Santiago de Compostela.
Na organización desta fase final que recala por primeira vez en Galicia, a OEB contou coa colaboración como da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e a axuda do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra, o Consello Social da Universidade, a Consellería do Mar, OA Parques Nacionales, Campus do Mar, CSIC, SEBBM, SENC, Divulgare, Renfe e Iberia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario