sábado, 23 de xaneiro de 2016

Programacións LOMCE

Despois de 32 cursos exercendo esta profesión, quero dar a miña opinión sobre as programacións en xeral, e sobre a programación LOMCE en particular. Lembro os primeiros anos, cando programabamos á man e levaba un tempo desproporcionado, en relación ó aproveitamento que daquelas programacións se tiraba. Canto teño padecido por mor daquelas programacións! Un traballo enorme  para, despois, durmiren un longo sono de pedra nos caixóns… dos centros e das inspeccións. Cantos momentos de sentirme inútil por non saber facer aqueles documentos. Menos mal que sempre atopaba un a alguén que, xenerosamente, tal e como fixeran con el ou con ela, che deixaba clonar a súa. E canta frustración por non axudarme en nada a mellorar  o meu traballo na aula… Pero pasaron os anos… E chegou a era informática. E entrouse nunha etapa de… “laissez faire”. Ata que, velaí, regreso ó pasado, comezamos o curso 2015-2016 e a Inspección entrou de novo a saco coas programacións LOMCE. Revolución! Estándares de aprendizaxe!  Que é iso? Como se fai iso? Para que serve iso? Mellora a nosa competencia profesional iso?
A min non me toca programar directamente, non son xefe de departamento; son un mestre, ou profesor de  Educación Primaria, camuflado nun IES. Pero convivo con elas e eles. Na casa e no centro. E sufro con elas e eles. E comezo a lembrar… Outra vez estes pesadelos? Xa abonda de dicir amén!
Os veteranos da profesión sabemos para que serven as programacións. Para presentarllas á Inspección e para que esta nos deixe facer o que podemos e sabemos nas aulas. E a Inspección (os inspectores e as inspectoras) saben que isto é así… Ai, pero… a Inspección é teimuda… Á Inspección gústalle ternos entretidos; non vaia ser que nos deamos á boa vida. Hai que elaborar uns documentos realistas e prácticos, din. E dálle!
Outra vez! Outra vez a lei do embude. Outra vez a lei que potencia a arte da clonación… Cando rematei a carreira, aprendín ( e fun vítima desta realidade) que se clonaban as Memorias de fin de carreira; despois, aprendín que se clonaban as programacións (as do profesorado e as dos centros), os documentos administrativos e pedagóxicos dos centros, e ata os proxectos que presentaban os candidatos e candidatas á dirección dos centros públicos… Clonarán documentos tamén os inspectores? Non podo aseguralo, pero…
Na miña opinión,  por moito que me esforce e por moito tempo que lle dedique, nunca serei quen de facer unha programación máis realista, práctica e coherente cá programación que me facilita a editorial coa que traballo. Realista, práctica e coherente porque está feita por especialistas na materia e en función do currículo, dos contidos, dos obxectivos, das actividades e da secuenciación que o libro de texto concreto propón; libro aprobado, por suposto, pola Consellaría de Educación. Normalmente, son excesivamente ambiciosas. Outra cousa é a miña programación diaria, a que eu personalizo e adapto ó alumnado e ás particularidades da clase de cada curso. Aí lle doe! Esta si que é a programación na que creo. Pero esta á Inspección non lle interesa. Vaia!
Como dicía, son xa 32 cursos de experiencia. Motivación, aprendizaxes significativas, competencias e, agora… o último: estándares de aprendizaxe! Algún iluminado, ou iluminada, atopou a clave para mellorar, dunha vez, a calidade da educación. Manaia sexa ela ou el!
Non, por favor, xa abonda de facer por facer. Ríos de tinta, toneladas de papel, centos de miles de horas, enerxía eléctrica e humana… irritación, frustración, desesperación… Cando se darán conta as autoridades educativas de que as variables que de verdade inciden na mellora da calidade educativa son o proceso de selección de aspirantes a profesionais do ensino, a formación inicial dos mesmos, as ratios e a capacidade persoal de cada quen? E tamén conta algo, claro, a porcentaxe do PIB que o goberno de quenda queira dedicarlle á educación no seu conxunto; entre outras cousas porque… é duro dicilo, pero… non hai volta: para ter os mellores profesionais no ensino, non estaría mal pagarlles uns salarios “motivadores”. Imos, a golpe de reformas educativas, dando paus á auga; porque ningunha vai ó gran, todas se quedan na palla. Para deseñar, e lexislar, unha reforma educativa “de verdade” hai que ter vontade e ideas claras. Pero só hai intereses. A Reforma LOMCE é, máis ca ningunha, unha estafa. E, por riba, a Inspección roendo no óso. Veña, oh!
Xa que logo, declárome obxector de conciencia contra estas programacións LOMCE que teñen desacougados a todos os compañeiros e compañeiras, que esixen un esforzo absurdo, que frustran e que non contribúen en nada a mellorar o noso traballo diario nas aulas; pola contra, coutan o estilo persoal, a creatividade e a diversidade. Que conste en acta.

Toño Núñez


Ningún comentario:

Publicar un comentario