Nas súas conclusións, o Consello de Europa pide cambios legais que permitan que se poida levar a cabo calquera procedemento xudicial en galego, asegurar a presenza das linguas co-oficiais na Administración estatal e nas comunidades autónomas, así como nos servizos públicos e de saúde, e asegurar que a oferta da educación trilingüe -tal e como advirten- "non afecte de forma negativa á protección das linguas rexionais ou minoritarias" como a galega.
Advirte a institución dos problemas que o galego sofre, sobre todo no ensino pero tamén noutros ámbitos, e fai balance da situación das distintas linguas oficiais á marxe do castelán no Estado. E a comparación deixa en moi mal lugar o proceso de normalización e impulso do galego comparado coas outras dúas nacionalides históricas recoñecidas na Constitución.
"A lingua galega está amplamente presente na vida pública, incluída a das administracións rexionais e locais. No ámbito educativo, o Comité de Expertos está preocupado pola redución gradual da presenza do galego no ensino medio. Coa introdución do modelo trilingüe, a proporción do galego viuse reducida no ensino primario e secundario. Os problemas persisten nos procedementos legais e hai unha insuficiente oferta de programas en galego na televisión privada", destaca o Consello de Europa no seu resumo de situación.
O Consello de Europa destaca o "forte apoio" ao catalán por parte da Generalitat e as "medidas positivas" do Executivo vasco co éuscaroNo caso de Catalunya, non obstante, a institución destaca que a lingua catalá "continúa gozando dun forte apoio por parte do goberno autonómico e das autoridades locais, polo que a maioría de compromisos asumidos na Carta Europea das Linguas estanse cumprindo". Tan só censura que siga habendo problemas "para o uso do catalán nos procedementos legais, especialmente no que se refire á escrita" e destaca "as melloras levadas a cabo" nos servizos sanitarios, aínda que "aínda hai algunhas deficiencias".
En canto ao éuscaro, o Consello de Europa destaca que o País Vasco "continúa a beneficiarse das medidas positivas en moitos campos, polo que a maioría dos compromisos da Carta están cumpridos". Observa que seguen os problemas "na xustiza, a policía e os servizos sanitarios e de benestar por mor da baixa proporción de persoal con coñecemento da lingua vasca".
O Comité de Expertos coincide en sinalar os prexuízos do modelo plurilingüe no ensino para o catalán nas Balears e ValènciaO cumprimento moi maioritario da CELRM en Euskadi e Catalunya contrasta co que acontece en Galicia, pero tamén coa situación que o Consello de Europa relata nas Illes Balears e na Comunitat Valenciana. No caso balear, o diagnóstico coincide moito co galego, ao destacar que "a oferta do catalán no ensino non se corresponde cos compromisos adquiridos na Carta". Ademais, destácase que "a introdución do modelo trilingüe atopouse cunha forte resistencia da comunidade educativa ante o temor a que se reducise o ensino do catalán" e advirte de que "persisten os problemas no ámbito mediático, ao eliminarse a recepción da televisión pública catalá" o que "non houbo demasiados progresos no uso do catalán os procedementos legais".
Na Comunitat Valenciana, o Consello de Europa asegura que "a adopción do decreto de plurilingüismo no ensino non universitario" ten provocado que "a oferta de valenciano decaia", ao igual que no caso galego. Ademais, destaca os problemas nos procedementos legais, a ausencia dun medio público en valenciano "sen alternativa nin solución acordada", así como que "continúe sen poder transmitirse a televisión pública catalá" no territorio autonómico.
Xa que logo, o Consello de Europa coincide nos prexuízos que o modelo plurilingüe instaurada polo PP en diferentes autonomías supón para as linguas propias de cada territorio. O Decreto 79/2010 impulsado polo goberno de Feijóo en Galicia foi o modelo imitado despois polos populares na Comunitat Valenciana e en Balears, onde provocou tamén un forte rexeitamento, especialmente no caso das Illes. En ambos os dous casos, os cambios políticos derivados das eleccións do pasado maio viraron tamén a política lingüística. Non hai moito, o presidente da Xunta recomendaba á Generalitat en Catalunya instaurar o modelo lingüístico de Galicia.
O galego nos medios
Por outra banda, e en canto á presenza do galego nos medios, a institución destaca o agromar de pequenas canles privadas de televisión en galego, pero advirte de que a única televisión privada para toda Galicia conta "cun número de programas en galego moi limitado" mentres "o Goberno de Galicia non parece moi activo á hora de asegurar que cumpra co mínimo do 50% da programación en galego que marca a súa licenza".O Consello de Europa advirte da falta de medios impresos en galego ou da imposibilidade de ver a televisión portuguesa en GaliciaO Comité de Expertos "dá a benvida" á presenza do galego en varios medios dixitais, entre os que cita a Praza Pública, pero insta as autoridades a que "explore as posibilidades de diarios impresos", logo de reparar na desaparición de varios xornais que empregaban o galego total ou de maneira moi destacada. Ademais, solicita tamén á Xunta que leve a cabo as medidas necesarias para que se permita a recepción da televisión pública portuguesa en territorio galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario