venres, 15 de xaneiro de 2016

A CIG-Ensino aposta pola potenciación do portugués no ensino

Asina a proposta da Associação de Docentes de Português na Galiza para que a oferta de emprego inclúa prazas de portugués.

A CIG-Ensino asinou e participou este venres 15 de xaneiro na entrega no Rexistro da Xunta dun escrito da Associação de Docentes de Português para potenciar e estender o portugués como segunda lingua estranxeira no ensino. Esíxese á Consellaría unha verdadeira aposta na implementación da lingua portuguesa no ensino regrado galego, a non discriminación dunhas linguas en detrimento doutras, que para este curso 2015-2016 sexan convocadas prazas para a especialidade de portugués no ensino secundario e sexa estabelecida unha listaxe de substitucións propia co requisito da titulación e/ou coñecementos que a lexislación actual marque.
A CIG-Ensino denuncia a falta de vontade política da Consellaría de Educación para facer unha aposta decidida do portugués como segunda lingua que só se explica polo desleixo que amosan cara o noso idioma, xa que a impartición do portugués tamén ten como función valorizar o idioma propio.
Hai que ter en conta que o alumnado galego pode acadar un nivel aceptábel de portugués en poucos anos e, desde logo, o esforzo que require é moito menor que o necesario para dominar calquera outra lingua. Isto fai do portugués unha materia atractiva para o alumnado pola facilidade coa que adquire coñecementos. Son moitos os produtos que o noso alumnado non atopa en galego e decide consumir en castelán: DVD, programas informáticos, material de quiosco, certos xéneros musicais, libros técnicos, internet, etc. O contacto co portugués proporcionaralle unha alternativa contribuíndo a frear a progresiva castelanización da mocidade galega.
O coñecemento do portugués inflúe na valorización positiva do galego. É a única materia na que ter un bo nivel de lingua galega é beneficioso. A proximidade física dos centros galegos con Portugal favorece a práctica e o uso da lingua que se está a estudar nas aulas. O alumnado galego é o máis capacitado para aprender portugués dada a súa proximidade coa lingua galega, podendo, en pouco tempo, acadar un nivel aceptábel, o que converte a materia nunha oferta atractiva para o alumnado. É falado por 250 millóns de persoas nos cinco continentes, co que se lle está a ofertar ao alumnado unha aprendizaxe moi útil.
Na Mesa Sectorial do martes 12 de xaneiro, a CIG-Ensino xa defendeu que se oferten prazas de emprego público na especialidade de Portugués, entre outras. A CIG-Ensino volverá formular a proposta do profesorado de portugués  na Mesa Sectorial do martes 19 de xaneiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario