martes, 26 de xaneiro de 2016

A Mesa quere que os concellos se 'mollen' para que a Xunta cumpra co galego

A MNL presentará mocións para que os municipios insten o goberno galego a executar as recomendacións do Consello de Europa.

A Mesa pola Normalización Lingüística quere implicar concellos e entidades sociais no compromiso de instar a Xunta de Galiza a cumprir coas recomendacións do Consello de Europa sobre o galego. Dirixirase a todos os concellos do país para que aproben mocións neste sentido, que o goberno galego cumpra coa Carta europea das linguas rexionais e minorizadas en todos os ámbitos da súa competencia e que exixa ao goberno central a aplicación efectiva da Carta.
O Comité de Expertos instou a semana pasada con firmeza aos gobernos galego e español a dispor os medios para garantir o cumprimento da Carta en todos os aspectos “e, dun xeito especial no ámbito do ensino, sinalando que os obxectivos do mal chamado Decreto de Plurilingüísmo entran en contradición e incumpren o contemplado na Carta”. A Carta é un tratado internacional, que o Estado Español ratificou en 2001 escollendo o máximo nivel de garantías e comprometéndose a cumprilo. “A comunidade internacional non entende como se pode asinar un tratado e despois incumprilo impunemente e gabarse de o facer”, sinalou o presidente da Mesa, Marcos Maceira. Para el, o documento do Consello de Europa amosa como “o decreto contra o galego non ten ningún apoio nin dentro nin fóra de Galiza e está morto”.
Na moción aos concellos, A Mesa pide a elaboración dun novo decreto sobre o galego no ensino e a derrogación dos artigos que segundo o Consello de Europa contradín a a Carta. As mocións que se aproben serán entregadas no Consello de Europa en Estrasburgo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario