xoves, 21 de xaneiro de 2016

O Observatorio da CCG salienta o escaso uso que lles damos ás TIC para acceder á cultura

O Observatorio da Cultura Galega (CCG) vén de facer pública a primeira parte dun documento de traballo de gran interese para saber, entre outras cousas, até que punto usamos as galegas e os galegos as novas tecnoloxías para achegarnos ao coñecemento e ao lecer. O estudo Hábitos e prácticas culturais (I) céntrase nos indicadores de participación cultural en Galicia: o que lemos, escoitamos vemos e facemos no ámbito cultural e, como desenvolvementos todas estas actividades de lecer. Segundo sinala o Observatorio, dependente do Consello da Cultura Galega, hai unha tendencia que case sempre se repite: a asistencia a museos, galerías, bibliotecas, concertos, cinema e teatro está por debaixo da media española. Isto é aplicábel tamén ao uso das novas tecnoloxías como canles de acceso aos devanditos ámbitos.
A cabalo entre o positivo e o negativo atopamos o seguinte: lemos moitos libros e publicacións, pero sobre todo en papel (hai un certo desequilibrio entre o que nos gusta ler e o relativamente pouco que apostamos polo dixital para facelo).
Libros, revistas e xornais
Polo tanto, a poboación galega está á cabeza do Estado español en frecuencia de tempo de lecer adicado á lectura: máis de dúas horas (126 minutos) por día, por detrás unicamente de Murcia (128 minutos) e 16 minutos máis cá media española (111).
No referente á compra de libros, a cousa cambia. De feito, neste parámetro afastámonos (en negativo) da media española. Deste xeito, só un 29% dos galegos declararon ter mercado libros no último trimestre, fronte a un 37% dos cidadáns estatais, detrás de Cantabria, Estremadura, Asturias e Castela-A Mancha. Na adquisición de libros en formato dixital Galicia tamén estamos lonxe da media (10%), cun 5% de galegos que declaran mercar libros neste formato.
O grao de interese pola lectura de xornais en Galicia sitúase no 6%, medio punto por riba da media de España. O 86% da poboación galega le o xornal polo menos unha vez ao mes, fronte ao 78% da española. Segundo se lembra no informe, en lectura diaria tamén superamos a media española (45% e 39%, respectivamente).
Entre os datos máis significativos da investigación atopamos o seguinte dato en aparencia contraditorio: a nosa é a terceira comunidade autónoma segundo a lectura de prensa en papel, pero a derradeira en lectura de prensa en Internet. Os galegos, iso si, estamos por riba da media estatal no tocante á lectura de revistas, cun 49% fronte a un 42%.
Bibliotecas
Tamén se fai saber, afondando neste certo rexeitamento que temos en relación ás TIC, que un 61,2% da poboación galega non asistiu ou non accedeu a través de Internet a unha biblioteca nunca ou case nunca. Esta porcentaxe, dise, supera en 10,2 puntos porcentuais a do conxunto do Estado.
No caso da asistencia presencial, increméntase a taxa dos que non van nunca ou case nunca, cunha diferenza con respecto ao conxunto do Estado de 10,73 puntos porcentuais. Onde si se atopan diferenzas é no acceso ás bibliotecas a través de Internet: aínda que a porcentaxe das persoas que accederon por Internet ás bibliotecas no último ano é moi baixa, en Galicia é superior ao conxunto de España en 0,7 puntos porcentuais.
Música
Polo que atinxe á música, un 76,7% da poboación da nosa terra entrégase a este hábito polo menos unha vez ao mes, fronte ao 85,5% no conxunto do Estado. En Galicia un 59,9% da poboación ten o costume de escoitar música todos os días, mentres que un 21,9% non a escoita nunca ou case nunca. “O medio utilizado pola inmensa maioría das persoas que escoitan música na nosa terra”, sinálase na investigación, “é en equipos non conectados ao computador (98%), fronte ao 27,8% dos que escoitan música no ordenador ou en equipos conectados a el”. Segundo o Observatorio do CCG este último dato é “moi salientábel”, posto que o costume de escoitar música no ordenador ou en equipos conectados a el experimentou unha evolución significativa con respecto a 2011, “ano en que tan só un 16,6% da poboación galega tiña este hábito á hora de escoitar música”. Para o Observatorio, esta diferenza é moito máis acusada en Galicia ca no conxunto do Estado, onde se pasa dun 22,8% en 2011 a un 29,4%.
No resto dos medios empregados en Galicia para escoitar música destaca, en segundo lugar, despois da radio, o ordenador e, en terceiro lugar, o móbil. O informe apunta a que no conxunto do Estado estes dous equipamentos tamén ocupan o segundo e terceiro lugar, “pero é o móbil o que avantaxa ao computador e o emprego deste supera en case 8 puntos ao de Galicia”.
No uso destes medios, sinálase, é “salientábel” o feito de que no período 2010-2011 o móbil só o usaba para escoitar música un 9% da poboación galega e un 9,8% no total do Estado.
Con respecto ao computador, a diferenza é menor, xa que na nosa terra tira proveito del o 17,3% e no conxunto do Estado o 20,6%. No devandito período o segundo medio que máis se empregaba para escoitar música despois da radio eran os CD, DVD e Blue-Ray (32,4% no conxunto de España e 24% en Galicia).
Lembrar tamén que en Galicia un 21,7% da poboación gravou música no último ano e un 71,5% non o fixo nunca ou case nunca. Son taxas moi semellantes ás do conxunto de España.
Audiovisual
Na enquisa tamén se lles pregunta aos cidadáns polo costume de ver vídeo en DVD ou noutros formatos. No que se refire a isto, os galegos emprazámonos na parte baixa da táboa, posto que algo máis da metade (o 52,5% da poboación) non ve nunca vídeo en ningún tipo de formato (a media estatal é do 44,4%). Do pouco máis do 1,1 millóns de galegos que ven vídeos, o 84,8% fano en aparellos non conectados a un computador. De feito, só o 26,8% ve contidos audiovisuais en trebellos conectados, “o cal representa a porcentaxe máis baixa de toda España”, sinalan os autores do informe. Ademais, unicamente o 18% dos cidadáns da nosa terra ve vídeos en tecnoloxía streaming, sen necesidade de descarga e en liña, fronte a unha media do 25%. En alugueiro de vídeos a través de canles dixitais somos a sexta comunidade pola cola.
Respecto ao consumo de televisión propiamente dito, somos os que máis tempo adicamos de media, uns 193 minutos diarios, case unha hora máis ca nas Illas Baleares. Por outra banda, só o 8,6% dos galegos ve a televisión a través de Internet, unha cifra semellante á do conxunto do Estado.
No que atinxe á radio, a investigación que sinala que se ben Galicia non é das comunidades onde máis se escoita, case o 73% da cidadanía ten o hábito de escoitala a diario. Compre salientar que un 8,2% dos galegos escoita a radio por Internet, dous puntos menos cá media nacional.
Novas tecnoloxías
Os autores do traballo de investigación lembran que as galegas e os galegos son os que menos usan o computador do conxunto de España, por detrás dos estremeños e castelano-manchegos (a diferenza coas comunidades onde máis se usa é significativa e representa case 20 puntos porcentuais con Madrid). Galicia tamén é a comunidade onde menos persoas usan o computador por lecer e ocio. A fenda que nos separa da media estatal deste indicador é dun 10%.
O uso de videoxogos sitúase tamén por debaixo da media na nosa terra. Así, un 15% dos galegos adoita xogar, fronte a un 17% do total dos cidadáns do Estado. Os nosos xogos preferidos son os de acción ou aventura e de estratexia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario