Un novo informe da FECYT salienta que Galicia é a comunidade na que os cidadáns se mostran máis dispostos a apoiar o aumento do gasto nestes sectores, pero tamén na que se percibe menor desenvolvemento en I+D.
Os galegos somos os cidadáns do Estado máis comprometidos co desenvolvemento de plans de financiamento da ciencia e da tecnoloxía. Así o reflicte o informe Percepción Social de la Ciencia y la Tecnología en España, que vén de facer público a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).O informe, de 402 páxinas, ofrece datos do ano 2014 recollidos dunha macroenquisa feita en toda España sobre a percepción social da ciencia e da tecnoloxía. Neste saliéntase que para o total de España a probabilidade de que os cidadáns apoien o mantemento ou o aumento do gasto en ciencia e tecnoloxía é "moi alta", de case o 97%. Por comunidades autónomas, os valores más altos os presenta Galicia, co 99,2%, é dicir, máis de dous puntos por enriba da media estatal. Á nosa comunidade séguenlle Cataluña (99%), Aragón (98,9%), Navarra (98,7%), Madrid (98,6%) e Asturias (98,5%). Mentres que nos últimos postos se sitúan Castela e León (88,7%), País Vasco (91,9%), Cantabria (92,4%), Baleares (93%), Murcia (94,4%) e Comunidade Valenciana (94,9%).
Aumento en anos de crise
Segundo os datos da FECYT, no ano 2004 o 95% da población era favorable ao gasto en ciencia e tecnoloxía, isto é, dous puntos menos que en 2014. No ano 2006 se produciu un descenso significativo, até o 81% e desde entón, en plena crise económica, houbo unha suba continua ata acadar o 97%.
Os investigadores puideron comprobar que neste período de tempo se apreza un alto contraste entre as comunidades autónomas. En concreto, as tres autonomías que amosaron un comportamento máis positivo cara ó investimento en ciencia e tecnoloxía foron, por esta orde, Navarra, Galicia e Andalucía, que experimentaron aumentos considerables de máis de 30 puntos, en parte debido a que partían de valores moi baixos. No caso galego, o aumento entre os anos 2006 e 2014 foi de 34 puntos, só unha décima menos que no casa navarro.
Asturias e Castela e León, en cambio, non chegaron a un incremento do 5%, e Cantabria, que estaba nun nivel do 95%, sufriu un lixeiro retroceso de dous puntos.
Á cola en I+D
Os galegos son os máis dispostos a aumentar o gasto en ciencia e tecnoloxía, pero tamén son os que perciben un menor desenvolvemento na súa contorna da Investigación e o Desenvolvemento (I+D). De feito, Galicia atópase no grupo de comunidades menos desenvolvidas en I+D, en termos relativos, cun investimento do 0,8% do PIB ou inferior. Segundo os datos da FECYT, a nosa autonomía sitúase no grupo de cola, xunto con Baleares, Canarias, Castela A Mancha, Estremadura, Murcia e A Rioxa.
En concreto, en Galicia só o 2,6% dos cidadáns pensa que a nosa comunidade está máis avanzada en I+D que as demais autonomías; o 13,2% dos galegos pensa que están todas igual; o 29,7% opina que Galicia está máis adiantada que algunhas e máis atrasadas que outras; o 48,4% pensa que está máis atrasada que as demais, e o 6,1% non sabe ou non contesta.
Só os estremeños (62,9%), castelán leones (57%), manchegos (52,9%) e andaluces (50,1%) teñen unha percepción máis negativa que os galegos sobre a situación do I+D nas súas automomías.
Pola contra, as máis desenvolvidas en I+D nocontexto español, cun investimento en I+D do 1,5% do PIB ou superior son Madrid, País Vasco, Cataluña e Navarra).
O informe da FECYT tamén conclúe que a percepción de déficit na formación científico-técnica é percibido en maior medida polas mulleres, a medida que se incrementa a idade, e, por comunidades, en Galicia, Estremadura e Navarra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario