mércores, 20 de xaneiro de 2016

A CTNL denuncia o atraso das probas Celga e a centralización do lugar de realización dos exames

Ante a recente convocatoria das probas do Celga en lingua galega a CTNL solicita, unha vez máis, as melloras necesarias en todo o proceso da convocatoria


No Diario Oficial de Galicia (DOG) do 7 de xaneiro a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou a Resolución do 23 de decembro de 2015, pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2016.

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, logo de analizar a devandita resolución, considera:

• Que esta convocatoria de exames chega con moito atraso, concretamente case dous anos despois da última convocatoria de probas (DOG do 11/3/2014) e cuns exames que se realizarán cinco meses despois de remataren os cursos preparatorios para esas mesmas probas.
• Que as devanditas probas só será posible realizalas en Santiago de Compostela e Ponferrada, o que non facilita en absoluto a participación da cidadanía na convocatoria, sobre todo cando é posible que algunhas persoas teñan que asistir dous días a eses exames.
• Que, unha vez máis, a Secretaría Xeral de Política Lingüística limitouse a publicar a convocatoria no DOG, sen difundir socialmente e de maneira axeitada a información para procurar que chegase de maneira eficiente ao conxunto da cidadanía, e sen ter en conta os servizos de normalización lingüística (SNL), que non foron nin sequera informados previamente da convocatoria para planificar a difusión ou buscar a colaboración para as matriculacións.

Por todo o exposto, a CTNL solicítalle á SXPL que corrixa estas graves eivas sinaladas, e que faga unha verdadeira planificación na procura de que toda a xente que o necesite e queira poida realmente participar nun curso de galego adecuado ao seu nivel e necesidades e nas probas correspondentes para a obtención do título, e recórdalle unha vez máis as medidas incluídas na “Proposta para a mellora da planificación e xestión dos Celga” (http://ctnl.gal/upload/des/251-a-proposta_mellora_celga_ctnl_2012_def.pdf) consensuada en 2012 por profesorado, técnicos/as de normalización lingüística e persoas expertas na materia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario