Marcos Maceira: “O cliente sempre ten a razón agás se falar galego. É hora de que Xunta e goberno central deixen de ser cómplices e actúen para defender ás persoas que queremos falar no noso propio país”
Na memoria presentada hoxe pola Secretaria Xeral da Mesa, Susana Méndez, e o seu presidente, Marcos Maceira, obsérvase como a maioría das queixas recibidas pola cidadanía son referidas á atención oral ou escrita (33%), onde as e os usuarios se viron discriminados e denunciaron a vulneración dos seus dereitos lingüísticos.
A administración pública á cabeza das queixas
Segundo
sinala a Mesa pola Normalización Lingüística na memoria, o máis
significativo da descomposición das queixas segundo as entidades que se
vían implicadas é que máis da metade, un 51%, refírense
á administración pública, tanto estatal como autonómica e local. Este
dato móstranos que en xeral é no ámbito da administración onde o cidadán
é máis consciente da existencia dunha normativa que ampara os seus
dereitos lingüísticos, polo que tolera menos a súa vulneración, mais
tamén o alto grao de vulneración destes dereitos por quen ten a obriga
legal de velar por eles.É curiosamente a Administración Autonómica na que recaen a meirande parte das queixas recibidas na Liña do Galego ao longo deste 2015, cun 52% das queixas referidas á Administración. A Administración Xeral do Estado e a Local acadan un 27 e un 21% respectivamente.
Este dato é máis unha evidencia dos pasos atrás que o Goberno da Xunta está a dar nos últimos anos en relación ao impulso do uso do galego na administración e nos respecto aos dereitos lingüísticos da cidadanía.
Empresa privada: en galego non atenden
A actitude dos poderes públicos ampara e anima os comportamentos contra o galego de entidades privadas ante as que as consumidoras e os consumidores fican absolutamente desprotexidos.

Para a Mesa, as escasas disposicións que amparan o galego non se cumpren e vulnéranse con total impunidade, o que segundo Marcos Maceira, “contrasta co cumprimento rigoroso das 500 disposicións que obrigan ao uso do español, nalgún caso mesmo contra outras linguas oficiais”, que tamén indicou que “a igualdade das linguas tan proclamada non é real se a posibilidade de uso destas linguas non ten iguais dereitos e iguais deberes”.
A “normalidade das agresións lingüísticas”
Segundo sinalou o presidente da Mesa, “acabar con este estado de normalidade das agresións lingüísticas está na nosa man”. Para iso “cómpre facer visíbel a realidade, denunciar quen nos nega a posibilidade de utilizar a nosa lingua no noso propio país”, como primeiro paso para “reclamar que o dereito a utilizarmos o galego sexa plenamente respectado dándonos sempre esa opción”. Susana Méndez, Secretaria Xeral da Mesa, animou ao conxunto da sociedade galega a utilizar as liñas abertas pola Mesa: 981 56 38 85 ou 902 10 64 74 e linhadogalego@amesa.gal
Ante a ausencia de accións específicas da administración pública para que o galego estea presente Maceira sinalou a necesidade da activación da sociedade civil na reposición e normalización da lingua galega, exixindo dos diferentes gobernos que cumpran cos seus compromisos cara ao galego, actuando directamente para combater casos como os sinalados. Indicou tamén como mecanismo efectivo “o dirixírmonos directamente por diferentes vías (redes sociais, correo electrónico, postal, teléfono…) ás empresas para que muden a actitude e facer ver que somos moitas as persoas que reclamamos visibilidade e espazos de uso para o galego é unha delas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario