martes, 12 de xaneiro de 2016

CreAppcuentos leva Cretales ao evento internacional Bett 2016

A compañía galega CreAppcuentos, responsábel da aplicación do mesmo nome destinada a permitir a creación de contos entre nenos e maiores, segue a dar pasos importantes no mundo. Desta volta, cómpre informar da súa vindeira participación no que en palabras dos responsábeis da empresa é “o meirande evento mundial de educación e tecnoloxía”. Estamos a falar do Bett Show 2016, onde a plataforma educativa amosará o miolo de Creatales, a súa achega docente para reforzar o ensino a través do uso das tabletas. Creatales, como lembraremos, constitúe unha adaptación específica de Creappcuentos para docentes e profesionais do eido educativo. Foi probada e implementada no ámbito estatal e agora os seus desenvolvedores preparan o chimpo definitivo internacional. A participación no Bett Show forma parte disto.
“A través desta participación na edición 2016 deste evento”, explican, “amosaremos a nosa nova aposta tecnolóxica perante diferentes públicos interesados, como por exemplo centros educativos, para que se poida usar a ferramenta nas aulas, e para que os distribuidores e as editoriais que queiran difundir a iniciativa, amais doutras start-ups educativas, poidan acadar melloras nos produtos de seu”.
A cita Bett Show será pois un inmellorábel escaparate. De feito, xuntará milleiros de docentes e centros de ensino de todo o mundo en Londres á procura de solucións para incorporar ao seu labor cotián. Neste contexto, Creappcuentos está a ver “unha oportunidade incríbel para amosarlles as características de Creatales nas clases e as vantaxes que achega”, sinala Avelino Correa, co-fundador da iniciativa, que engade que dende a compañía están a “apostar forte” para dar un enfoque educativo á aplicación, incorporando na ferramenta CreAppcuentos novos paquetes como o de Aldeas Infantís ou o de Comida Sa, que tamén serán presentados no evento de educación e tecnoloxía. O acontecemento terá lugar entre o 20 e o 23 de xaneiro en Londres e CreAppcuentos estará presente na caseta C78.

Ningún comentario:

Publicar un comentario