xoves, 28 de xaneiro de 2016

Mañá ábrese á inscrición para o curso de certificación galega de competencias dixitais en ofimática

A AMTEGA abre mañá o prazo de inscrición para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, tal e como recolle a convocatoria publicada hoxe no DOG, con 180 prazas para o curso preparatorio previo ao exame presencial que terá lugar a mediados do mes de xuño. A inscrición realizarse a través da páxina web de CeMIT e os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos, estar dado de alta como usuario da rede CeMIT e abonar a taxa correspondente aos dereitos de exame. O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.
O prazo de inscrición será de cinco días naturais a partir de mañá. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas deberán aboar no prazo de cinco días naturais desde a data da súa publicación a taxa de 10 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.
Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
- Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
- Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
- Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
- Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
- Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2016, que terá a súa continuación cun novo curso de teleformación titorizada previsto para o segundo semestre (no mes de setembro).

Ningún comentario:

Publicar un comentario