luns, 11 de xaneiro de 2016

Día de agasallos e recoñecementos nas bibliotecas públicas

As grandes bibliotecas galegas conmemoran o Día do Usuario con visitas e actos destinados ao disfrute dos lectores.


Os usuarios das bibliotecas públicas galegas están de noraboa. Este luns, celébrase, precisamente, o Día do Usuario, unha xornada na que haberá agasallos e se outorgarán recoñecementos aos lectores máis activos.
As bibliotecas organizarán visitas guiadas para todos aqueles que desexen coñecer os servizos, espazos e coleccións coas que contan. En concreto, a biblioteca compostelá Ánxel Casal realizará estas visitas ás 12,00 horas, a de Pontevedra Antonio Odriozola ás 11,30 e a de Juan Compañel de Vigo ás 12,00 e ás 16,00. Ademais, na Biblioteca Pública de Ourense, as visitas estenderanse toda a semana e terán lugar ás 10,00 e ás 16,00 horas.
Segundo indicou a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nun comunicado, os usuarios e usuarias con máis préstamos en 2015 recibirán diversos recoñecementos pola súa participación activa. Ademais, as bibliotecas públicas de Ourense, Santiago, Pontevedra e Vigo nomearanos socios de honra, o que lles permitirá unha maior retirada de libros ao longo deste ano.
Así mesmo, a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés entregará diversos agasallos ao lector máis novo, ao máis maior, e ao que máis obras retirou en 2015. Ademais, a Biblioteca de Galicia, situada na Cidade da Cultura, entregará un libro a todos os que a visiten este luns.
Nesta liña, os usuarios da biblioteca pública de Vigo que utilicen as súas instalacións este luns participarán no sorteo de dous lotes de libros e recibirán marcapáxinas conmemorativos da data. Pola súa banda, a biblioteca de Ourense sorteará un agasallo entre os que leven unhas obras prestada ese día.
Ademais, na biblioteca Ánxel Casal de Santiago establecerase a mostra bibliográfica 'Libros e lecturas nas bibliotecas', mentres que na de Ourense homenaxearase o labor dos voluntarios nestas instalacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario