martes, 6 de maio de 2014

´Un director debe ser un xestor, un dinamizador, e non a figura autoritaria que depara a Lomce´

"A nova lei vai permitir que os centros concertados e privados poidan elixir aos alumnos"


A función directiva nun centro de ensino: O que la Lomce nos depara é o título da charla informativa que vai ofrecer o vindeiro xoves, día 8 (20.30 horas), Alfonso Malvido no Museo Municipal de Lalín. O exdirector do IES Illa de Arousa foi convidado polo Movemento Dezao polo Ensino Público para analizar o modelo de dirección que propón a nova lei de educación e tamén expoñer a experiencia que terminou co cese do seu equipo na Illa.
-Vostede foi destituido como director do IES Illa de Arousa o 31 de decembro de 2013...
-No noso centro xa hai uns cantos anos que viñamos facendo reivindicacións de diferente índole, sobre todo pola perda de persoal, pois pasamos 27 a 22 profesores e agora din que podemos baixar a 19 para o vindeiro curso. O caso foi que, na véspera de comezar o presente curso, non tiñamos asignada a plantilla completa e así non podiamos empezar. O día da presentación ten que estar todo o persoal asignado aos centros. Eu estiven pedindo durante dúas semanas que me mandaran o profesorado que faltaba e non o fixeron, e nesas condicións non se pode comezar o curso. Así que fixemos un claustro e decidimos que, se non tiñamos todo o profesorado, non podiamos facer o horario e, por tanto, tampouco se podía dar clase. Acordamos adiar un día o comezo do curso.
-Como reaccionou a Consellería de Educación?
-A consellería dixo que me excedera nas miñas funcións. Pero eu interprétoo como un castigo pola traxectoria que temos no centro, un castigo desmedido, porque non só se me cesou, senón que tamén se me inhabilitou por tres anos para funcións directivas.
-Como está agora o caso?
-Estou pendente da presentación dun contencioso-administrativo para que resolva a xustiza. A reacción da consellería foi desproporcionada, unha maneira de quitar de diante un centro que lles resulta molesto.
-Din os seus críticos que actuaba por motivos políticos...
-Non estou afiliado a ningún partido político. Aquí estamos falando de defender o ensino público e de calidade, pelexamos por conseguir medios técnicos e humanos para evitar que minguase a nosa capacidade de resposta. Hai anos que temos as aulas cheas e non nos permiten facer desdobles, nun centro mal construido e no que os profesores xa estamos todos por riba das vinte horas. Que beneficio saco eu de todo isto? Absolutamente ningún. Ou falamos dun loco ou dun tonto ou dalguén totalmente convencido do que fai. Ademais, actuamos en grupo, co apoio do profesorado, dos pais e da sociedade arousana, incluso de toda a corporación municipal da Illa, PP incluido.
-Que depara a Lomce respecto á función directiva?
-Unha figura baseada no autoritarismo e na verticalidade. Eu creo que un director debería ser un xestor e un dinamizador da vida lectiva e un vínculo entre o centro e a administración, pero tamén cara a sociedade e as súas institucións. Ten que ser un traballo necesariamente en equipo, non de impoñer, senón de delegar, no sentido de deixar que a xente decida, pero mantendo ti a responsabilidade. Desde o momento en que o director non é elixido polo consello escolar, senón que a administración vai ter máis do 50% dos votos, non é democrático. A Lomce vai cara un cambio de modelo social, encamiña aos rapaces segundo as súas aptitudes e escapa do ensino garantista e igual para todos. Vén a dicir que todos somos iguais pero uns máis ca outros. Vai ser moi clasista.
-En que sentido?
-Vai permitir que haxa centros, sobre todo os concertados e os privados, que poidan elixir os alumnos, e na pública imos ter aos que eles non queiran: Os conflitivos, os de baixo rendemento, os que hai que loitar con eles porque non queren ir a clase... Tampouco comparto que se trate a relixión coma outra asignatura calquera.


Alfonso Malvido Piñeiro - Exdirector do IES Illa de Arousa

Ningún comentario:

Publicar un comentario