luns, 19 de maio de 2014

Milleiros de persoas dan "un paso adiante" polo galego en oito puntos do país

Milleiros de persoas saíron á rúa nas sete cidades galegas e mais en Foz nun novo Día das Letras Galegas para reivindicar a lingua galega e, parafraseando a Díaz Castro -escritor homenaxeado este ano- para reclamar "un paso adiante e mais outro paso adiante" para o idioma propio. Foron varias concentracións en lugar da única e unitaria que se adoita desenvolver en Compostela co que se intentou levar a loita pola normalización do galego a varias localidades do país.
Milleiros saíron ás rúas nas sete cidades galegas e en Foz para reclamar "un paso adiante" para a lingua
Convocadas pola plataforma Queremos Galego, foron milleiros os que se achegaron aos diferentes puntos nunha xornada reivindicativa que rematou coa lectura en todas estas localidades do manifesto deste ano, elaborado pola escritora Marica Campo, que anima os galegos a que conquistemos  novos  pasos  adiante  para  a  nosa  lingua  no ensino, nos medios de comunicación, na xustiza ...". "Non temos a menor vontade de suicidio nin de resignación", titúlase o texto.
    "Non podemos tolerar que hoxe o español, coa axuda do inglés, se utilice como sepultureiro do galego"
No manifesto, aclárase que "non podemos tolerar  que no noso país, hoxe, o español, coa axuda do inglés, se utilice como o sepultureiro do galego". "O galego é a lingua propia de Galiza. En boa lóxica, xa que é así, está na súa casa e non precisa permiso das outras,  impostas e alleas,  para se mover libremente polas diversas estancias", insístese nun texto que denuncia a discriminación que sofre o idioma e que lembra que foi reducido "á oralidade, á fala, a unha clase social, aos oprimidos carentes de todo poder de decisión, a uns lugares, ás aldeas e a unha idade, os vellos".
"O tempo actual non é propicio para a existencia de Galiza e do seu signo principal, a lingua galega, porque a globalización pretende arrasar con toda diferenza que ouse desafiar a hexemonía do imperial dominante", di o manifesto, que advirte que a cidadanía non os vai "compracer".  "Non temos a menor vontade de suicidio nin de resignación", di o texto, que parafrasea a Díaz Castro para reclamar "un paso adiante e mais outro paso adiante" para a lingua, tanto nas aulas como nos medios, na Xustiza, na Administración, no comercio ou no ocio.
"Non temos a menor vontade de suicidio nin de resignación", di o manifesto lido este sábado nas oito marchas
Ademais, tamén se recorda que, tal e como di a Carta Europea das Linguas non Estatais, "unha lingua normal é unha lingua ubicua e omnipresente",  pero advírtese que esa normativa, ao igual que o Plano Xeral de Normalización Lingüística, foi "desprezado por quen o tiña que executar".
"Debe ser a lingua obxecto de uso e de defensa todos os días do ano en todos os lugares e momentos, porque non é un adorno ou unha peza cultural: é o noso ser e precisa dunha defensa cívica e dun amor colectivo e dunha mobilización social tan potente como a que dedicamos a outros asuntos que teñen a ver co diñeiro, co traballo ou con dereitos conquistados", conclúe o manifesto.
"Fagámola vivir e ser útil, é tempo de falarmos; somos nós, Queremos Galego!", rematou Marcos Maceira, novo presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, no acto celebrado en Compostela. Ademais, asegurou que a xornada serve para pedir "que o galego saia deste día" para estar "presente na sociedade os 365 días do ano, como lle corresponde". Tamén solicitou que regrese "á legalidade" e á promoción da linuga e da identidade galega para lograr que se coloque "en igualdade" co resto dos idiomas do Estado.
Tanto na capital de Galicia como no resto de localidades onde se celebraron manifestacións, os asistentes berraron contra a política lingüística de Feijóo, reivindicaron a lingua propia e reclamaron igualdade de dereitos para os galegofalantes.
"Na Galiza, en galego" ou "nas aulas de Galiza, en galego" foron algunhas das consignas que se escoitaron nunhas concentracións, marchas e actos lúdicos aos que acudiron representantes políticos do BNG e AGE, así como de diversos colectivos estudiantís e sindicais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario