mércores, 14 de maio de 2014

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público anuncia novas mobilizacións contra a LOMCE e os recortes




A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público anunciou este mércores 7 de maio en rolda de prensa novas mobilizacións contra a LOMCE e os recortes no ensino público. A próxima protesta será o 28 de maio e consistirá nun acto no Museo Pedagóxico de Galiza, na aula que representa a escola do franquismo co obxectivo de amosar as semellanzas entre a educación na ditadura e o ensino que se pretende coa LOMCE. A Plataforma tamén convocará para o 4 de xuño actos reivindicativos nas sete cidades e diferentes vilas ás sete da tarde. Ese mesmo día, pola mañá, proporase aos centros que dean lectura a un manifesto que denunciará os recortes e que incluirá un chamamento a non aplicar a LOMCE naqueles aspectos máis nocivos para o ensino público. 
No acto do 28 de maio participará profesorado que experimentou na súa propia carne o ensino do franquismo. Entre as semellanzas sobre as que se quere chamar a atención están, segundo explicou Anxo Louzao, da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, as reválidas, o reforzamento da Relixión, avaliable a todos os efectos,  os principio clasistas e segregadores do ensino no franquismo -e que tamén inspiran a LOMCE- o centralismo ou a xestión antidemocrática dos centros, entre outros.

Por outra banda, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público fará un chamamento para que o día 4 de xuño, nos centros  - durante o recreo- se dea lectura a un manifesto de rexeitamento da LOMCE e os recortes. A xornada continuará con actos lúdico-reivindicativos na rúa ás sete da tarde, semellantes ao realizados noutras ocasións. 

Con estes actos a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público tamén quere denunciar os recortes que se van producir para o inicio do curso escolar, con novas supresións, deficiencias nos centros, a falta de prazas -especialmente en ensino infantil de 0 a 3 anos e a formación profesional-, aulas masificadas e outras actuacións da Consellaría como a circular ás Escolas oficiais de Idiomas para que o alumnado que cursa 4º da ESO só nos centros plurilingües poida acadar o nivel  básico ou intermedio de Inglés e Francés.    

Na rolda de prensa estiveron representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público que está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino,  Comités, Liga Estudantil Galega,  Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Agir, Sindicato de Estudantes, BNG, Galiza Nova e a Federación de ANPA de Ponteareas (FANPO).

Ningún comentario:

Publicar un comentario