venres, 16 de maio de 2014

Milleiros de rapaces e rapazas participan no Correlingua 2014 co lema: “Galego, o paso adiante”

Milleiros de rapaces e rapazas volveron sumarse este ano ao Correlingua que remata o venres 16 de maio en Foz despois de levar o lema Galego, o paso adiante polas localidades de Pontevedra, Santiago, Lugo, Ferrol, Monforte, Vigo, Tui, A Estrada, O Morrazo, Ourense e A Coruña. A CIG-Ensino fai un chamamento a participar o 17 de maio nas 8 mobilizacións convocadas por Queremos Galego.
Consulta nesta ligazón ás mobilizacións convocadas para o 17 de maio por Queremos Galego, plataforma da que forma parte a CIG-Ensino.
Previo ás mobilizacións do 17 de maio, cada unha das doce carreiras do Correlingua rematou nunha festa final en que se deu lectura ao manifesto gañador e na que actuaron grupos gañadores do Cantalingua, outro dos certames do Correlingua, en que os grupos seleccionados foron elixidos polo alumnado e o profesorado dos seguintes centros IES de Arzúa, IES Vicente Otero Valcárcel de Carral, IES Lama das Quendas de Chantada, IES Joham Carballeira de Bueu e IES Pino Manso do Porriño que seleccionaron como gañadores a Superoito, Monoulious Dop e Quempallou.
Como todos os anos contouse, para conducir o acto da festa final, cunha persoa de relevo, que nesta ocasión é a actriz Isabel Risco, recente gañadora do premio Mestre Mateo á mellor actriz de reparto na serie Era Visto!. 
O Correlingua escolleu o lema  Galego, o paso adiante en diálogo aberto co escritor lugués homenaxeado este 2014, Xosé María Díaz Castro, quen, no inesquecíbel Penélope, falaba do abalar da historia de Galiza: “un paso adiante e outro atrás, Galiza, e a tea dos teus soños non se move”. Pois ben, neste ano en que se cumpre o 1º centenario do nacemento do escritor, o Correlingua quere responder desde o presente que avanzamos coa nosa lingua, porque o galego é un deses pasos adiante que citaba o poeta.
O Correlingua iníciouse no primeiro trimestre do curso coa publicación do lema e as inscricións nos diferentes concursos. O alumnado elaborou as súas propostas para concurso do manifesto, de banda deseñada, de video, e mesmo do Cantalingua, no segundo trimestre. A participación nestes certames permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do noso idioma e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país.
Desta volta o  alumnado gañador de cada un dos certames foron: no certame de Banda Deseñada  5º A Colexio Divina Pastora- Salesianos Lugo, no certame de Vídeo 3º ESO IES de Elviña. A Coruña, o certame de Manifesto: “Ameneiros”, 3º ESO. IES Isaac Díaz Pardo. Sada.
A edición 2014 do Correlingua, carreira pola lingua do alumnado de todos os ciclos educativos está organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense xunto coa Deputación de Lugo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario