xoves, 22 de maio de 2014

Educación pediralles a 3.585 familias que devolvan axudas a libros de texto

3.585 familias terán que devolver as axudas para a adquisición de libros de texto recibidas no curso 2010-11. A Consellaría de Educación reclámalles a devolución destes cartos (entre 90 e 180 de euros en cada caso, un total de 360 mil), despois de cotexar as súas solicitudes cos datos das declaracións da renda. Nese curso foron máis de 50 mil as familias beneficiadas por esta partida, pero ao redor do 7% cometeron fraude, declarando ingresos inferiores aos reais, ben para non chegar ao máximo a partir do cal se perde o dereito a percibir esta subvención, ben para ter acceso á contía máxima.
A Xunta destaca que con esta medida promove "a transparencia e o uso eficiente dos fondos públicos". As familias ás que se lles require o reintegro do total ou de parte da axuda cobrada teñen dereito a realizar alegacións ou a achegar os documentos que estimen convenientes para acreditar a correcta percepción dos cartos.
Nos Orzamentos de 2014 a Xunta prevé que 86 mil alumnos e alumnas non reciban axuda de ningún tipo para a compra de libros de texto, 27 mil menos que o pasado ano
Nos Orzamentos de 2014 a Xunta prevé que 86 mil alumnos e alumnas non reciban axuda de ningún tipo para a compra de libros de texto, 27 mil menos que o pasado ano. Isto é así porque no ano 2013 esta partida orzamentaria dispuña dun crédito de 12,8 millóns de euros, pero no 2014 diminúe ata os 9,5 millóns. Hai unhas semanas o Goberno galego, para contrarrestar o feito de que cada vez son máis os rapaces e rapazas que quedan sen axudas, lanzaba un chamamento á "solidariedade", alentando a cooperación na progresiva extensión de iniciativas de bancos de libros impulsadas pola comunidade educativa de cada centro.
Paradoxalmente, ademais, os datos demostran que a Xunta ten que gastar máis cartos no seu sistema de axuda parcial, do que queda fóra a metade do alumnado (21 millóns de euros o pasado ano, tras sucesivas ampliacións de financiamento), que o que gastaba o Goberno bipartito co seu sistema de prestamo universal, concretamente un 48% máis. Pouca diferenza farán, pois, os 360 mil euros que agora Educación recuperará con esta medida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario