luns, 12 de maio de 2014

O novo reitor de Santiago di que os recortes "pasaron a liña vermella"

 A docencia e a investigación están en precario por falta de financiamento. Está en risco a transmisión de coñecementos". O novo reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o catedrático de Matemática Aplicada Juan Viaño (Boqueixón, 1955), está seriamente preocupado pola crise financeira que atravesa a institución e que "sen lugar a dúbidas, repercute na súa calidade". Apenas feito oficial o seu nomeamento, tras gañar as eleccións do pasado 25 de abril, Viaño recoñece o mal ao que se enfronta: "O plan de financiamento minguou en 50 millóns de euros nos últimos 10 anos e temos non pagamentos por preto de 15 millóns. O recorte en persoal docente e investigador é alarmante: non se poden dar as clases prácticas". Unha situación de extrema fraxilidade que puxo contra as cordas ao seu predecesor no cargo, Juan Casares Long, a quen o groso da comunidade universitaria, incluído o propio Viaño, botou na cara a súa debilidade por pregarse aos recortes da Xunta.
O novo reitor, "asine defensor do ensino pública", anuncia que esgotará os argumentos para convencer o presidente da Xunta da necesidade de facer un esforzo investidor na universidade ao mesmo tempo que abre camiños a novas vías de financiamento "coa captación de recursos mediante a docencia on-line, a atracción de alumnos internacionais para cursos de postgrao e a firma de contratos de investigación con empresas,". E ao tempo lograr "mellor eficacia na xestión de cobramentos e gastos".
De momento, o diagnóstico é malo. "A sociedade ten que entender que investir na universidade non é gastar", repite Viaño, case a xeito de xaculatoria, o argumento co que pretende suturar a ferida pola que sangra a universidade. "Hai que aceptar os recortes nun momento de crise como este, pero hai un límite: non podemos aceptar que con iso se suprima a prestación dun servizo público", reprocha. "Nesta situación non temos posibilidade de contratar persoal novo e sen profesores -non se renova os interinos e non se amortizan as xubilacións - as áreas redúcense ao mínimo. Non é doado que imparta Matemáticas un profesor de Dereito Civil: corremos o risco de que despareza a transmisión de coñecementos". Viaño cre que a Xunta "está a traspasar a liña vermella" xa que "hai áreas docentes que carecen de profesores para impartir clases de aquí a uns anos". E sinala que os docentes acaban impartindo áreas afíns coa conseguinte "perda de calidade".
Viaño valora a decisión do Goberno de Feijóo de conxelar as taxas de matrícula, "unha medida de acción social axeitada para as familias", pero advirte que con iso a Universidade tamén perde recursos: "A Xunta non compensa de ningún outro xeito esta mingua dos ingresos polas taxas, co que o sistema sofre as consecuencias, de novo incidindo na calidade". Pero os recortes van máis alá da docencia e a investigación. Atravesan de forma transversal a toda a universidade, dende a compra de papel ata a dotación da biblioteca. E na USC, dada a súa antigüidade, a crise causa efecto dunha forma máis profunda. "Temos o equipo máis envellecido, os edificios históricos máis difíciles de manter e impartimos docencia en todos os ámbitos do saber", enumera o reitor as caras singularidades da súa universidade. Condicións todas elas que contribúen -entre outros factores alleos, en opinión de Viaño, á calidade docente- a situala por debaixo de Vigo no ranking das universidades españolas, "aínda que hai que recoñecer que eles están facendo as cousas ben e hai que felicitalos.
No medio deste panorama de perdas constantes, o novo reitor da USC recoñece que esta centenaria institución, ata agora referente internacional, comeza a perder peso no selecto grupo de investigación das universidades mundiais. "Como consecuencia precisamente dos recortes interrompéronse investigacións en problemas que afectan directamente á sociedade, relacionados con avances sociais e de saúde", lamenta Viaño unha situación que nin esta universidade nin o país " poden permitirse. "España non pode baixar en moi poucos anos do oitavo posto mundial alcanzado con grande esforzo. Se seguimos así, converterémonos nun país irrelevante, quéixase.
A crise, as dificultades para xestionar os escasos recursos, tamén sobrevoaron unhas eleccións ao reitorado con escasos candidatos. En Vigo, o que xa era reitor, Salustiano Mato, non tivo opoñente, e en Santiago, a diferenza do acontecido en 2010, con sete aspirantes, Viaño conseguiu o cargo nunhas apertadas eleccións nas que só tivo un contrincante, o catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, Antonio López, a quen se impuxo por apenas 74 votos. O nivel de participación foi escaso. "A desmotivación é moi grande", xustifica o novo reitor da USC quen explica que a falta de medios e recursos se completa con "unha redución salarial do persoal, como en todas as partes, e unha maior carga académica" para suplir a falta de contratación de novos docentes.
Viaño pon agora a mirada nas novas tecnoloxías, nas posibilidades da docencia non presencial, na oferta investigadora para estudantes latinoamericanos na prestixiosa universidade de Santiago e en facer visible "o nivel alto nalgunhas áreas" para alcanzar convenios coas empresas. Mentres tanto, segue apelando ao Goberno galego "para que comprenda que os recursos na universidade non son un gasto senón un investimento".

Desmotivación transversal

Nin adhesivos nin paneis publicitarios nin camisetas nin vídeos en Youtube. O candidato á reelección como reitor da Universidade de Vigo, o catedrático de Zooloxía Salustiano Mato, non necesitou nesta ocasión facer campaña. Atrás quedou aquel sonoro "Eu por Tano mato" que presidiu a súa polémica carreira ao reitorado de hai catro anos. Nesta ocasión, a crise varreu calquera indicio de competición. Mato non tivo rivais. Por primeira vez na historia da Universidade de Vigo, non houbo contrincantes pugnando polo Reitorado. Non é apetecible xestionar a crise.
Na carreira polo goberno das dúas universidades galegas -a da Coruña ten un calendario electoral distinto- todo foi escaso nesta ocasión. Á escaseza de candidatos -nas eleccións da USC houbo só dous aspirantes fronte aos sete de 2010- seguiulle a escaseza de participación nas urnas. Na Universidade de Vigo a participación para a elección do novo reitor apenas alcanzou o 8,66%, o máis baixo da súa historia, e os votos en branco (908) superaron mesmo os de respaldo ao reitor (751). O maior índice de abstención rexistrouse, como é habitual, entre os estudantes.
Na USC, o resultado estivo disputado (Viaño impúxose por apenas 74 votos), pero a participación, aínda que maior que en Vigo, foi igualmente pequena: apenas votou o 14,45% dunha comunidade con 31.352 persoas con dereito a este sufraxio.
Viaño recoñece que a desmotivación é xeneral na comunidade universitaria. E tan transversal como a crise. Os alumnos, sen posibilidade de acceder ao mercado laboral, vense abocados a formarse ata a extenuación ou a facer as maletas exportando os seus coñecementos. E os docentes, a impartir materias que non lles corresponden afrontando o recorte salarial mentres albiscan o derrubamento da institución.

Ningún comentario:

Publicar un comentario