xoves, 29 de maio de 2014

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público escenifica as semellanzas entre a escola do franquismo e a que pretende a LOMCE

A lembranza da realidade escolar durante o franquismo e a súa comparación co modelo educativo que pretende implantar o PP coa LOMCE foron os protagonistas dun acto simbólico organizado pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público no Museo Pedagóxico de Galiza este mércores 28 de maio. Os e as asistentes tiveron a oportunidade de coñecer as experiencias como alumno durante a ditadura do mestre e escritor Xavier Docampo quen denunciou o “brutal” retroceso que supón a LOMCE.
Xabier Docampo (Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil) resaltou o doado que é comparar a LOMCE co ensino no franquismo. “Era unha escola que se centraba na Relixión, que era o elemento central arredor do cal xiraban todos os saberes”, explicou. Coa LOMCE refórzase a  confesionalidade e chegamos ao absurdo -engadiu- de que haxa compañeiros que sexan sancionados por negarse a partipar en actividades relixiosas.
Xabier Docampo tamén se referiu á situación do idioma “chegabamos todos falando galego mais a única lingua que existía, desde que entrabamos pola porta, era o castelán”; e á segregación “brutal” e contranatura que sufría  o alumnado. O mestre e escritor, que insistiu en “canto de verdade hai” na afirmación de que a LOMCE é un retroceso.  Tamén compartiu a súa experiencia  coas reválidas das que dixo “significaban a perda dun ano de aprendizaxe que era dedicado exclusivamente a preparar a proba.  O clasismo, a xerarquización, o autoritarismo e a masificación das aulas foron outros aspectos que repasou o escritor durante a súa intervención nunha das aulas do Mupega.
Este acto contra a aplicación da LOMCE e os recortes no ensino público terán continuidade nos actos reivindicativos que  organiza para o 4 de xuño a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público en todas as cidades ás sete da tarde, agás en Ferrol que vai ser ás oito.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino,  Comités, Liga Estudantil Galega,  Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Agir, Sindicato de Estudantes, BNG, Galiza Nova e a Federación de ANPA de Ponteareas (FANPO).

Ningún comentario:

Publicar un comentario