venres, 9 de maio de 2014

Á rúa o 17 de maio para "non se resignar" a que o galego teña menos dereitos

A plataforma Queremos Galego vén de concretar as manifestacións que en varios puntos de Galicia se celebrarán o vindeiro 17 de maio co gallo do Día das Letras. Serán oito as localidades que acollerán a partir das 12 do mediodía as diferentes mobilizacións: A Coruña (no Obelisco), Lugo (nos xardíns de San Roque, ante a estatua de Xoán Montes), Ourense (na Alameda, ante a figura de Blanco Amor), Pontevedra (praza da Peregrina), Compostela (Porta Faxeira), Vigo (Vía Norte), Ferrol (praza de Armas) e Foz (praza do Conde de Fontao).
As sete cidades e Foz acollerán as mobilización de Queremos Galego polo Día das Letras
Queremos Galego, colectivo unitario impulsado pol'A Mesa pola Normalización Lingüística, volverá saír á rúa porque "estas mobilizacións en defensa do noso idioma continúan a ser tristemente necesarias", tal e como di Marcos Maceira, novo presidente d'A Mesa. "Non  nos  resignamos  a  que  as  persoas  que  falamos  galego  teñamos  menos dereitos”, di quen convida a “todas as persoas que aman o galego a que participen nos actos deste Día das Letras ao mediodía nas sete cidades e en Foz”.
En todas as concentracións e manifestacións lerase un manifesto que foi elaborado pola escritora Marica Campo e onde se parafrasea un dos versos máis coñecidos do autor a quen se lle dedican as Letras deste ano, Xosé María Díaz Castro, para “animarnos  a  que conquistemos  novos  pasos  adiante  para  a  nosa  lingua  no ensino, nos medios de comunicación, na xustiza ...".
"Non podemos tolerar que hoxe o español, coa axuda do inglés, se utilice como sepultureiro do galego"
No manifesto, Marica Campo asegura que "non podemos tolerar  que no noso país, hoxe, o español, coa axuda do inglés, se utilice como o sepultureiro do galego". "O galego é a lingua propia de Galiza. En boa lóxica, xa que é así, está na súa casa e non precisa permiso das outras,  impostas e alleas,  para se mover libremente polas diversas estancias", insístese nun texto que denuncia a discriminación que sofre o idioma e que lembra que foi reducido "á oralidade, á fala, a unha clase social, aos oprimidos carentes de todo poder de decisión, a uns lugares, ás aldeas e a unha idade, os vellos".
"O tempo actual non é propicio para a existencia de Galiza e do seu signo principal, a lingua galega, porque a globalización pretende arrasar con toda diferenza que ouse desafiar a hexemonía do imperial dominante", di o manifesto, que advirte que a cidadanía non os vai "compracer".  "Non temos a menor vontade de suicidio nin de resignación", di o texto, que parafrasea a Díaz Castro para reclamar "un paso adiante e mais outro paso adiante" para a lingua, tanto nas aulas como nos medios, na Xustiza, na Administración, no comercio ou no ocio.
Ademais, tamén se recorda que, tal e como di a Carta Europea das Linguas non Estatais, "unha lingua normal é unha lingua ubicua e omnipresente",  pero advírtese que esa normativa, ao igual que o Plano Xeral de Normalización Lingüística, foi "desprezado por quen o tiña que executar".
"Debe ser a lingua obxecto de uso e de defensa todos os días do ano en todos os lugares e momentos, porque non é un adorno ou unha peza cultural: é o noso ser e precisa dunha defensa cívica e dun amor colectivo e dunha mobilización social tan potente como a que dedicamos a outros asuntos que teñen a ver co diñeiro, co traballo ou con dereitos conquistados", conclúe o manifesto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario