mércores, 21 de maio de 2014

O PPdeG promete nas europeas "liderar" o reforzo escolar tras recortalo un 30% en Galicia

"Os galegos e galegas poden estar tranquilos, porque en plena crise en plena crise económica hai máis prazas de servizos sociais, máis sanidade pública, máis educación e hai máis servizos sociais ca nunca". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, repetiu en innumerables ocasións este argumento ao longo dos últimos anos, especialmente ante os reproches da oposición en materia de recortes sociais. Para as eleccións europeas do vindeiro domingo o PPdeG aférrase a argumentos semellantes e mesmo auguran que conseguirán o liderado en ámbitos tan sensibles como o reforzo escolar, o mesmo que en apenas media década perdeu en Galicia case o 30% do seu orzamento.
No primeiro dos tres puntos que o programa europeo dos populares dedica a educación e cultura a promesa é a de "traballar para liderar, coa axuda comunitaria, programas de reforzo en materias esenciais como lingua e matemáticas". No caso galego, este difuso obxectivo concrétase anualmente no programa de prevención do abandono escolar, dependente dos orzamentos da Consellería de Educación. Este plan, que inclúe "actuacións encamiñadas á prevención do abandono escolar temperán", "medidas para favorecer un ambiente de aprendizaxe que conduza a mellora do éxito escolar" ou "garantir o acceso á educación en condicións de igualdade" está dotado en 2014 con 17,36 millóns de euros.
Os populares comprométense a "traballar para liderar programas de reforzo en materias esenciais como lingua e matemáticas"
Os cartos cos que o departamento que dirixe Jesús Vázquez financia o programa este ano son case un 30% menos que no ano 2009, no que o PP chegou á Xunta cos orzamentos da coalición de PSdeG e BNG xa en vigor. Daquela Educación reservaba a esta fin 24 millóns de euros. Nunha liña moi semellante mantívose o PP no seu primeiro orzamento, o de 2010, cando mantivo a prevención do abandono escolar en 23,35 millóns de euros. Dende ese momento a liña ascendente apenas se detivo nin sequera neste 2014, cando moitas partidas deixaron de caer.
A caída é semellante á do conxunto do orzamento, polo que esta partida non quedou á marxe dos recortes
Nas segundas contas públicas con Feijóo na Xunta, en 2011, o programa para previr o abandono escolar estaba xa en 18,33 millóns. Tras un lixeiro ascenso en 2012 ata os 18,49 millóns o Goberno galego recuperou a retallada en 2013, rebaixándoo ata 17,50 millóns, e neste 2014 os fondos quedaron en 17,36 millóns de euros. Se ben é certo que a caída destes fondos de case un 30% é practicamente idéntica á caída xeral dos fondos totais dos Orzamentos non o é menos que este feito contradí os argumentarios oficiais, segundo os cales as partidas educativas, como as sanitarias e as sociais, quedarían á marxe dos recortes.

Orzamento do programa de prevención do abandono escolar

CC BY-SA Praza Pública

Ningún comentario:

Publicar un comentario