venres, 30 de maio de 2014

Após desmantelar o CELGA, Política Lingüística utiliza bolsas para cubrir os Lectorados de Galego

espois do desmantelamento do cadro de persoal do CELGA, a CTNL denuncia que a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a utilizar bolsas de formación para cubrir postos de traballo no Lectorados de Galego. 

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) vén de denunciar que a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a utilizar de maneira “perversa” bolsas de formación no canto de facer contratacións laborais nos Lectorados de galego.
Das dez prazas de lectorado que a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca, seis serán cubertas mediante bolsas de formación. Barcelona, Complutense de Madrid, Granada, Algarve, Padua e Roma, verán ocupados os postos por bolseir@s en formación, segundo se deduce da convocatoria que saíu publicada no DOG do 22 de marzo. As súas funcións serán idénticas ás dos lectorados de Estremadura, Deusto, Cork e Miño, estas si, cubertas por medio de contratos laborais.
A CTNL cualifica esta convocatoria como un “novo retroceso para o galego”, que, ao seu ver, “afonda na desigualdade de condicións laborais, fixando diferenzas entre uns Lectorados e outros cando os requisitos e as funcións dos/as lectores/as son exactamente as mesmas”. Lamentan tamén que, dada a situación do mercado laboral, sitúen o límite para se presentar á convocatoria en 35 anos. A Coordinadora reclámalle á SXPL que “corrixa de inmediato esta irregular utilización das bolsas de formación nos Lectorados e que todos os lectores e lectoras de galego sexan contratados/as legalmente e en igualdade de condicións”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario