mércores, 28 de maio de 2014

A Mesa pola Normalización Lingüística participou no encontro da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) celebrado o pasado sábado en València

Unha delegación composta polo seu presidente, Marcos Maceira, e o seu Coordinador de Zonas, Paulo Filgueiras, tratou a situación do galego neste encontro internacional e denunciou a política galegófoba de Feixó.
Marcos Maceira: "A igualdade entre os pobos de Europa non é posíbel sen a igualdade entre as linguas de Europa". " Feixó e o Raxoi deben cumprir co sinalado pola Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas, ratificada polo Estado español".

Unha delegación da Mesa pola Normalización Lingüística composta polo seu presidente Marcos Maceira e o seu Coordinador de Zonas Paulo Filgueiras, participou en València no encontro da European Language Equality Network (ELEN).

Maceira sinalou "a importancia deste encontro para internacionalizar a loita contra a política de odio á nosa lingua que está a institucionalizar o presidente Feixó, nunha liña contraria non só ao marco legal galego, senón mesmo o Europeo establecido na Carta Europea das Linguas minorizadas" que, lembrou, é de obrigado cumprimento. Neste encontro europeo, A Mesa pola Normalización Lingüística presentou  un informe sobre a situación da lingua galega, e denunciou os retrocesos para o galego nos diferentes ámbitos, nomeadamente o do ensino.

A Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) aprobou a Declaración de València, na que apela" á construción posíbel dunha Europa democrática, multilingüe, que respecte a aspiración dos pobos a viviren nos seus idiomas e culturas diversas, en diálogo e solidariedade mutua", e fai un chamado aos e ás eurodepatudas electas e aos Estados "ao respecto total dos principios universais que fundan a humanidade, para todas as persoas, sen distinción de lingua ou de pertenza a unha nación minorizada ou minoritária".

Esta rede da que a Mesa pola Normalización Lingüística fai parte representa 42 comunidades lingüísticas de 23 Estados europeos. O seu traballo concéntrase na promoción e protección das linguas e comunidades lingüísticas minorizadas de Europa así como na súa revitalización, e ten carácter de organismo consultivo do Parlamento Europeo,do Consello de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO. Forma parte ademais da Plataforma de ONG da Comisión Europea para Multilingüismo, a Plataforma de ONG para Cultura, a Plataforma de ONG para a Axencia de Dereitos Fundamentais da UE, e do Consello Económico e Social da ONU.

Declaración de València das organizacións de ELEN (Rede Europea pola Igualdade das Linguas).
24 de maio de 2014

Construírmos unha Unión Europea do multilingüismo, onde todas as linguas se respecten por igual

1)       A Unión Europea construíuse co alicerce dos estados que guerrearon durante moito tempo por aseguraren a súa dominación.  2)       Os países europeos quixeron estender a súa dominación polo mundo co imperialismo e a colonización, con xenocidios, escravitude, tráfico negreiro e numerosos crimes contra a humanidade.
 3)       A Unión Europea fúndase nos valores da democracia e dos dereitos humanos, e comprende os dereitos das persoas que pertencen ás minorías (artigo 2 dos tratados).
Estes valores de respecto á dignidade humana, a liberdade, a igualdade, o estado de dereito, non poden aplicarse unicamente en beneficio das persoas que pertencen ás maiorías dominantes. Débense aplicar a toda a cidadanía, e en particular aos que pertencen a grupos ou pobos minorizados ou minoritarios que posúan as súas propias linguas, e que expresen as súas propias culturas no seo da Unión Europea.
 4)       No momento en que se desenvolven as eleccións ao Parlamento europeo, as ONG reunidas en ELEN, Rede Europea pola Igualdade das Linguas, apelan a todos os deputados, todas as deputadas e todos os Estados ao respecto total dos principios universais que fundan a humanidade, para todas as persoas, sen distinción de lingua ou de pertenza a unha nación minorizada ou minoritaria.
 5)       As ONG reunidas en ELEN denuncian en particular o grave risco de se repregaren sobre si mesmos os Estados-nación que estiveron na orixe de guerras fratricidas entre os pobos, do imperialismo, do colonialismo e de xenocidios inaceptábeis.
 6)       Denuncian os etnocidios que tamén estes Estados perpetraron, isto é, a destrución organizada polos sistemas dominantes das linguas e das culturas dominadas, co obxectivo da unificación dos Estados.
 7)       Apelan á construción posíbel dunha Europa democrática, multilingüe, que respecte a aspiración dos pobos a viviren nos seus idiomas e culturas diversas, en diálogo e solidariedade mutua.
 8)       Afirman a súa vontade, máis decidida que nunca, de traballaren colectivamente por un mundo que se funde nos principios de respecto e de solidariedade entre todos os pobos, no traballo a carón da xente e en estreita relación coas organizacións internacionais que teñen ao seu cargo o futuro do planeta. Apelan a todas as boas vontades a se encontraren nesa dirección.

Ningún comentario:

Publicar un comentario