xoves, 22 de maio de 2014

O dominio .gal publica o seu calendario de lanzamento

Tras a activación técnica do dominio .gal o pasado 11 de abril, aproveitouse a data do Día das Letras Galegas e do Día Internacional das Telecomunicacións e a Sociedade da Información (tamén coñecido como Día de Internet) para presentar a primeira páxina web creada baixo o dominio .gal, na que se dá conta dos prazos de lanzamento e as condicións para poder acceder ao novos dominios.
No acto celebrado para amosar aos galegos este gran fito no ámbito das TICs contouse coa presenza de numerosos persoeiros de distintos eidos da nosa sociedade, que puideron escoitar as palabras de Manuel González, presidente da Asociación, quen narrou toda esta aventura ata detallar o que está por vir. Finalmente, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, procedeu á posta en marcha da páxina web accesible dende dominio.gal, que con carácter informativo pretende servir de referente do noso dominio de primeiro nivel na internet.
Programa Pioneiros
Os primeiros dominios de internet que botarán a andar máis aló dos que empregue a Asociación PuntoGal serán os coñecidos como Nomes Pioneiros .gal, que corresponderán a asociacións, entidades públicas e empresas que poderán solicitar a súa incorporación no programa durante o mes de xuño, de xeito que serían as únicas en poder gozar dun dominio .gal durante uns catro meses. A asociación decidirá os dominios que se activarán nesta fase de prelanzamento, pois está limitada a 90, de aí que se adoptarán criterios de visibilidade para a súa aceptación, buscando que estes espazos na rede contribúan a dar difusión ao novo dominio na rede.
Fase de lanzamento
Entre setembro e novembro aceptaranse candidaturas para facerse cun dominio .gal en función do dereito preferente que poidan ter empresas e institucións para poder protexer as súas marcas, no que se coñece como Abrente ou Sunrise. Paralelamente será posible que compañías que queiran solicitar un dominio que non se axuste exactamente ás súas marcas poida solicitar o seu rexistro, aínda que desta volta, no caso de varios candidatos para un mesmo dominio, en vez de empregar unhas prioridades definidas para resolver o conflito recorrerase a unha poxa.
Fase aberta
No mes de decembro será cando os dominios da fase de lanzamento pasen a activarse, e tamén se abrirá ao público o rexistro xeral de dominios co sufixo .gal coa orde de chegada das solicitudes como único criterio.
De todos os xeitos, os dominios que pasen a funcionar baixo o .gal deberán cumprir unha serie de condicións, como ter contidos en galego ou, en caso contrario, relativos á cultura galega ou a servizo en liña dirixidos á nosa comunidade. A Asociación PuntoGal velará por que se cumpra esta condición, de xeito que os rexistros que non respecten as normas establecidas, tras o correspondente apercibimento, poderán suspenderse. Búscase así consolidar un espazo galego na internet que sexa unha fiestra do mundo a Galicia e unha canle moi axeitada para que entidades tanto galegas coma de fóra poidan achegarse á nosa sociedade especificamente.
Máis información en Código Cero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario