luns, 19 de maio de 2014

A Xunta gastará 200.000 € anuais do orzamento do I+D+i galego en 3 postos de persoal directivo

A consellaría de Economía e Industria puxo enriba da mesa unha proposta de modificación da relación de postos de traballo (RPT) da Axencia Galega de Innovación (GAIN) na que propón a creación de 2 novos postos de persoal directivo (Director/a da Área de Servizos e Director/a da Área de Centros) e a conversión dun posto de persoal funcionario noutro posto de directivo adicional (Director/a da Área de Programas).
Con estes dous novos postos de persoal directivo, a Xunta vai detraer do orzamento dedicado ao I+D+I ao redor de 200.000 euros anuais*. Por outra banda, a opacidade do financiamento deste gasto é total e absoluta xa que a consellaría se nega a facilitarnos a memoria económica.
Dende a CIG temos sospeitas fundadas de que a creación destes dous novos postos de persoal directivo é froito da “necesidade” de colocar a parte do ex-persoal directivo próximo ao Partido Popular que provén da extinta Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, un dos cales xa traballou no pasado no Gabinete de Industria do goberno Fraga.
A figura do persoal directivo resulta polémica non só polo seu custo senón polo feito da súa escasa regulación (art. 79 da LOFAXGA) que permite poder engordar a Administración de xeito discrecional sen mecanismos obxectivos que garantan o coñecemento da materia e o funcionamento da Administración pública.
A creación deste tipo de postos cuestiona a manida austeridade da que o goberno do PP fai gala continuamente. Mentres máis de 1.200 mozas e mozos investigadores do noso país emigraron nos últimos dous anos, non lle importa a Xunta detraer cartos do exiguo orzamento do I+D+i galego para crear postos de designación política. Ao tempo, con esta proposta tamén pon en dúbida a capacidade das traballadoras e traballadores públicos dispoñibles que semella que non están cualificados para asumir tarefas de responsabilidade e dirección.
Este é o modelo de administración que propugna e defende o goberno da Xunta de Galiza , unha administración corrupta, non ao servizo da cidadanía, senón ao servizo dos intereses dos amigos.
*Custo persoal directivo nivel 2 dun ente do grupo 3: 49.455,82 € /ano (sen antigüidade)+30% custos sociais =64.292,57 € * 3 persoal directivo = 192.877,70 € /ano

Ningún comentario:

Publicar un comentario